Novas

xoves, 01 de setembro de 2022

O alcalde destaca na presentación do Festival Meninas de Canido o seu potencial como “excelente atractivo turístico para a cidade”

Ángel Mato presidiu esta mañá o acto para anunciar unha nova edición da cita co arte urbano, que se celebra no barrio desde hoxe ata o domingo día 4


O alcalde destaca na presentación do Festival Meninas de Canido o seu potencial como “excelente atractivo turístico para a cidade”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá a presentación dunha nova edición do Festival Meninas de Canido, que se celebra desde hoxe ata o 4 de setembro. Na súa intervención destacou o potencial do evento como “excelente atractivo turístico para a cidade” e agradeceu o “intenso labor e esforzo” que desenvolve o impulsor do proxecto, o artista Eduardo Hermida, e o resto de implicados no enveto. O alto número de administracións, entidades e colaboradores “comprometidos co Festival é unha mostra moi clara do que significa Meninas de Canido para Ferrol”, indicou. “Non é doado lograr o éxito e recoñecemento co que conta esta cita”. 


Desde o Concello de Ferrol “estamos a facer un importante esforzo para seguir colaborando co evento e que sega tendo proxección a nivel nacional converténdose nun festival de referencia”, e lembrou o crecemento da presenza do festival en feiras de turismo, como Fitur, que cada ano se celebra en Madrid. Tamén lembrou que o barrio e as súas obras de arte na rúa serán visibles na segunda tempada de ‘Rapa’, a serie que se está a gravar en Ferrol. O alcalde animou a veciños e turistas a acudir ao festival e gozar de todas as actividades programadas ata o domingo. 

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, destacou que Eduardo Hermida “foi capaz de unir un barrio e aos seus veciños” nun proxecto que “estou seguro que ten moi futuro”. Para elo, lembrou, “é imprescindible a colaboración interinstitucional que promova o impulso da cidade”. 

Cortes ao tráfico 
Nos momentos nos que se desenvolvan actividades na rúa Pérez Parallé quedará cortado ao tráfico o tramo entre Insua e Maiola. Pola súa banda, as actuacións na rúa Atocha, Riego e Alonso López supoñerán o corte da rúa Atocha a partir de hoxe e o peche ao tráfico rodado de Riego e Alonso López, dende a rúa Santos, dende mañá venres ata as 8 horas do luns día 5. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar