Novas

venres, 02 de setembro de 2022

Os once primeiros vídeos da campaña lanzada polo Concello para impulsar o comercio local logrou ata o momento preto de 423.000 reproducións

Xa se publicaron os de Clef Music, Aranapa, Casa Amador, Crest Surfboards, Cristalería Luma, Con Dos Ovillos, Niebla Boutique, Casa Sedes, Explorer 66, Florista del Castillo e Ruda. Mañá lanzarase o seguinte corto, dun local de restauración


Os once primeiros vídeos da campaña lanzada polo Concello para impulsar o comercio local logrou ata o momento preto de 423.000 reproducións

Os 11 primeiros vídeos da campaña de promoción do comercio local ‘O noso comercio, a nosa historia’, impulsada a finais de marzo polo Concello de Ferrol para fomentar o consumo nos locais da cidade, alcanzaron ata o momento preto de 423.000 reproducións. A iniciativa naceu co fin de promover o comercio de proximidade na cidade a través do relato mais persoal dos propios emprendedores. 


Ata o momento a campaña municipal difundiu a través de redes sociais e do canle de Youtube do Concello de Ferrol os vídeos dos negocios Clef Music (rúa Magdalena, 31), de instrumentos musicais; Aranapa (rúa Alegre, 76), de moda e complementos; Casa Amador (Carmen, 17), de produtos exquisitos e café; Crest Surfboard (Venezuela, 41), con artigos de surf; Cristalería Luma (estrada de Catabois, 400), de decoración en vidro; Con Dos Ovillos (Carmen, 32) con las e accesorios para tecer; Niebla Boutique (Magdalena, 115), de roupa e accesorios; Casa Sedes (praza Doctor Iglesias Parga e praza de Canido), que prepara comida caseira para levar; Explorer 66 (Magdalena 122), de xoguetes educativos; Florista del Castillo (estrada de Catabois, 672); e Ruda (praza Cruceiro de Canido, 3), con produtos de artesanía. 

Un relato en primeira persoa para “facer crecer” 
Ferrol Cada 15 días divúlgase un novo vídeo. O próximo darase a coñecer mañá sábado, e será sobre un establecemento de comida saudable. Esta primeira fase da campaña ‘O noso comercio, a nosa historia’ inclúe a publicación dun total de 15 vídeos, que protagonizan os responsables dos comercios para relatar en primeira persoa e desde un punto de vista próximo e persoal a súa traxectoria, os seus proxectos emprendedores e o seu vínculo co consumidor e coa cidade de Ferrol. 

Trátase dunha iniciativa que busca “facer crecer Ferrol” a través dos testemuños dos emprendedores do comercio de proximidade, fortalecendo a súa relación co potencial consumidor e poñendo en valor a “humanidade que hai detrás de cada porta, detrás de cada escaparate”, explicou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus.

Proximamente, a segunda fase da campaña con vales regalo de entre 2 e 400 euros
Tras o “éxito e boa acollida dos vídeos, que nos permiten coñecer mellor aos nosos comerciantes”, a edil deu a coñecer recentemente o contido da segunda fase da campaña ‘O noso comercio, a nosa historia’, que contempla o reparto de vales regalo para gastar nos comercios da cidade. Activarase entre finais de outubro ata mediados de decembro co obxectivo de atraer ao público ao interior dos comercios ferroláns, incentivando de xeito directo o consumo a través dunha campaña de bonos ambientada na lenda do trasgo no final do arco da vella e a súa pota, indicou. 

Durante os cinco primeiros días da campaña o trasgo farase moi visible na cidade a través do reparto de rascas na rúa, en diferentes barrios de Ferrol, que levará nunha pota e que poderán estar premiados con vales de entre 2 a 400 euros para gastar no comercio local. “De este modo daremos a coñecer a campaña e animaremos á poboación a participar”, indicou a concelleira. Para que o trasgo entregue un rasca deberase subir unha foto a redes sociais. 

A continuación dará comezo a campaña nos locais que se sumen ao proxecto deseñado polo Concello de Ferrol. Os rascas que se repartan por cada compra poderán estar premiados con vales de entre 2 e 400 euros e serán de varios cores, cada un correspondente a un sector —roupa e calzado, librerías ou decoración, entre outros, sete en total—, polo que ademais de descubrir o importe (no caso de estar premiado), o consumidor saberá o sector no que se debe gastar. “Con este xogo co cor queremos encher de ledicia o comercio ferrolá e, por extensión, a nosa cidade”, apuntou a edil. Os establecementos colaboradores no proxecto de promoción lucirán un cartel identificativo co cor do sector ao que pertence. 

Entre os vales non premiados celebrarase a principios do mes de decembro o sorteo dun premio de 400 euros, que consistirá en varios vales para gastar en todos os sectores. Deste xeito, dixo a edil, “repartirmos e diversificamos o consumo”. A campaña rematará antes de Nadal. 

Vídeos: 
-Clef Music: https://bit.ly/3R9S3XB 
-Casa Amador: https://bit.ly/3q3Z28e 
-Crest Surfboard: https://bit.ly/3R9SzVx 
-Cristalería Luma: https://bit.ly/3cGE2S5
-Con Dos Ovillos: https://bit.ly/3wR6Rlx 
-Niebla Boutique: https://bit.ly/3cBLe1X 
-Explorer 66: https://bit.ly/3Q4tgmk 
-Florista del Castillo: https://bit.ly/3ALbpLq 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar