Novas

luns, 05 de setembro de 2022

O Concello substituirá toda a iluminación pública do barrio de Ultramar por tecnoloxía led

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que afectará aos preto de 300 puntos de luz existentes


O Concello substituirá toda a iluminación pública do barrio de Ultramar por tecnoloxía led

O voceiro de goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación para a subministración e instalación de luminarias led en Ultramar, polo que se substituirán os 278 puntos de luz existentes na actualidade. O importe base de licitación (sen ive) ascende a 143.000 euros e o prazo de execución é de 5 meses. 


Reina tamén anunciou que hoxe quedou adxudicada a obra para aglomerar tramos do camiño de Peirón, en Esmelle, que dan acceso a preto de 10 vivendas e que se atopan en mal estado. A lonxitude aproximada desta intervención é de 650 metros e a superficie do ámbito da actuación é de 2.100 metros cadrados. O prazo de execución é dun mes e o importe de adxudicación sen ive ascende e a 36.685,95 euros. 

Próximo inicio de obras de rehabilitación en Recimil 
En canto a próximos inicios de obras na cidade, o voceiro apuntou que o pasado venres se firmou o contrato para iniciar a rehabilitación de Praza de España 23-25, adxudicada por importe de 1.304.473,50 euros (con ive). 

O prazo de execución é de 6 meses. Entre outras actuacións, contémplanse o cambio das cubertas, a instalación de sistemas illantes e de impermeabilización nas fachadas, ademais da substitución das carpinterías exteriores e dos portais. Tamén se mellorará a accesibilidade, colocaranse ventilacións, reconstruiranse chemineas, instalaranse porteiros automáticos, colocaranse antenas colectivas para o sinal de televisión, realizaranse novas acometidas ás vivendas, soterraranse os cables eléctricos que agora están colocados de xeito aéreo, ao igual que se fará co tendido de telefonía, e intervirase nas acometidas do abastecemento de gas. En canto aos baixos do inmoble, regularizaranse conforme ao seu aspecto orixinal e unificaranse elementos como persianas, escaparates e marquesiñas. Outro aspecto importante da obra é que vai resolver diversos problemas estruturais e de humidades nos balcóns das terrazas posteriores. 

Reina tamén indicou que hoxe se rubrica outro contrato para intervir en Recimil, neste caso a rehabilitación da envolvente do inmoble Somozas 3-4. Conta cun orzamento total de 368.701,47 euros (ive incluído) e un prazo de execución de 5 meses. Os traballos inclúen o revestimento da fachada cun sistema illante e a substitución das carpinterías exteriores por fiestras dunha soa folla de aluminio de apertura oscilobatente, con rotura de ponte térmica, vidro dobre con cámara e microaireadores. Tamén se levará a cabo en Somozas o desmonte completo da cuberta e estrutura actual para executar unha nova de madeira con illamento térmico, lámina impermeabilizante e tella. Instalaranse canles e baixantes de zinc, marquesiñas sobre os accesos aos portais, colocaranse ventilacións, habilitarase iluminación natural e artificial do espazo baixo cuberta, soterraranse os cables aéreos de electricidade e telefonía e intervirase nas acometidas de gas. Con esta actuación preténdese “mellorar a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda a envolvente do edificio e ao mal estado da cuberta”, indicou Reina. 

Ambas son actuacións cofinanciables nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol, Cidade 2020’.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar