Novas

luns, 05 de setembro de 2022

O Concello promove a actividade deportiva cunha nova edición da Travesía a nado ‘Abelardo López’ este domingo

Os nadadores sairá ás 16 horas do arsenal militar. O prazo de inscrición remata ás 22 horas do 9 de setembro no correo electrónico clubmarinaferrol@gmail.com


O Concello promove a actividade deportiva cunha nova edición da Travesía a nado ‘Abelardo López’ este domingo

O Concello de Ferrol continúa promovendo a práctica da actividade deportiva con iniciativas como a XXIX Travesía a nado ‘Abelardo López’, que terá lugar este domingo, 11 de setembro. O prazo para formalizar a inscrición remata ás 22 horas do día 9 a través do mail clubmarinaferrol@gmail.com ou ata o remate de dorsais. A iniciativa conta coa colaboración do Arsenal Militar de Ferrol e diferentes clubs e entidades locais e co control da Federaron Galega de Natación. 


Os nadadores sairán ás 16 horas do arsenal militar e a proba discorrerá sobre un triángulo deseñado dentro do dique do Patio de Armas do Arsenal Miliar de Ferrol. Haberá dúas probas, unha federada (que require ter licencia federativa) e outra popular. A primeira conta con dous percorridos: O percorrido A será de 2.000 metros, para as categorías C-D-E-F e o percorrido B, de 1.000 metros, para as categorías A-B-H-I. A proba popular ofrece o percorrido C, de 500 metros. 

En canto á proba federada, terán trofeo os tres primeiros clasificados en cada categoría, en masculino e en feminino do percorrido A e B; o participante máis xove e de máis idade dos percorridos A, B, e C; e o vencedor absoluto da travesía, na categoría masculina e feminina, tanto nos percorridos A como B. Pola súa banda, os participantes da proba do percorrido C recibirán un agasallo conmemorativo da travesía. Estableceranse os seguintes limites nas inscricións: 250 participantes nas probas federadas e 100 participantes na proba popular. 

O acceso do público será a través da porta fronte á Praza Vella, en Ferrol Vello, a partir das 15.15 horas. Non estará permitida a entrada ao recinto do Arsenal en coche e tampouco con mascotas e o público deberá permanecer na zona habilitada para espectadores. 

Permitido o uso de neopreno 
Os nadadores poderán utilizar neoprenos. A travesía darase por finalizada aos 45 minutos de darse a saída. Todo participante que non finalizase nese tempo quedará descualificado automaticamente. A entrega de trofeos realizarase unha vez finalizada a proba.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar