Novas

martes, 06 de setembro de 2022

Ángel Mato solicítalle ao Goberno que o Estado asuma os custes da conexión ferroviaria do porto exterior

O alcalde considera que a Administración central debe sufragar a obra, do mesmo xeito que fará coa construción do ferrocarril á dársena coruñesa de punta Langosteira


Ángel Mato solicítalle ao Goberno que o Estado asuma os custes da conexión ferroviaria do porto exterior

O pasado venres publicábase no Diario Oficial da Unión Europea a formalización do contrato para a construción da conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña. Trátase dunha obra licitada polo ADIF e que o Estado financiará con fondos europeos Next Generation, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, destacou esta mañá ao respecto que, dese xeito, a Autoridade Portuaria da Coruña “quedará liberada dun gasto que supera os cen millóns de euros”. Por ese motivo vaille solicitar ao Goberno central que o Porto ferrolán obteña o mesmo beneficio. Trátase dunha posibilidade que o alcalde xa avanzara hai varios meses e que agora reitera. 


“Quero aproveitar a que sen dúbida é unha boa nova para A Coruña e para Galicia para pedir que o Estado tamén se faga cargo do financiamento do ferrocarril ao porto exterior de Ferrol”, dixo Mato, que explicou que vén de solicitar un encontro coa secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para trasladarlle esta cuestión. O rexedor ferrolán considera que aínda que a vía de tren a Caneliñas se adxudicou hai xa máis de seis anos (en marzo do 2016), e que, a diferenza da da Coruña xa está moi avanzada, “o Porto de Ferrol tamén debera poder beneficiarse dos mesmos mecanismos de financiamento que o da Coruña, de forma que poida dispoñer deses fondos para outros proxectos que redunden en beneficio do tecido económico da cidade e da comarca”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar