Novas

xoves, 08 de setembro de 2022

A comisión de Igualdade aborda prorrogar ata 2026 o convenio entre Concello e Mancomunidade para mellorar o servizo da Casa de Acollida de Ferrol

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, indicou que o próximo luns se reunirá de novo o xurado do Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’ para avaliar un proxecto presentado á categoría de cooperación internacional e que por un erro non figuraba na listaxe inicial de admitidos


A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, abordou na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada esta mañá a proposta de aprobación da prórroga do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol para a mellora do servizo da Casa de Acollida de Ferrol. 


A duración inicial de dito convenio comprendía ata o 7 de outubro de 2022 e a proposta, que se someterá ao pleno da corporación municipal, contempla prorrogalo ata o 7 de outubro de 2026. 

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou aos grupos municipais que o próximo luns 12 de setembro, ás 9 horas, reunirase de novo o xurado do Premio Solidario 2022 ‘Cidade de Ferrol’ para avaliar un proxecto presentado en prazo á categoría dirixida a proxectos centrados na cooperación  internacional e que, por erro, quedou fora da valoración inicial, ao non ser incluído na listaxe inicial de admitidos. Esta liña, que quedara inicialmente deserta, está dotada con 4.000 euros. 

A nova deliberación non afecta á outra categoría do Premio Solidario, dirixida a iniciativas locais, que foi concedido á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra polo seu proxecto “Coñece Ferrol en Lingua de Signos”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar