Novas

venres, 09 de setembro de 2022

A concelleira de Benestar Social ve “lamentable que se falseen os datos das bolsas para os comedores escolares e por enriba se lles rouben méritos ás ANPA”

Eva Martínez Montero explica que foi a federación de asociacións de nais e pais de alumnos a solicitou que se concederan as axudas ao servizo de madrugadores dos centros concertados, que coa medida sumou 45 beneficiarios


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que a ampliación das axudas para comedor ao servizo de madrugadores dos centros escolares concertados da cidade permitiu que 45 nenas e nenos se beneficien das bolsas para o almorzo. A medida responde a unha solicitude da federación de ANPA Concepción Arenal, que foi incluída nas bases. 


 “É certo que o Partido Popular asumiu esa petición e a trasladou en comisión, do mesmo xeito que a propia federación de ANPA tamén lla formulou directamente ao goberno local”, lembrou Martínez Montero, que criticou que o grupo municipal do PP “pretenda agora vender coma un éxito propio o que é un traballo da asociación de nais e pais. Éxito que ademais non dubida en inchar unindo ao número de novos beneficiarios o de nenas e nenos que dispoñen de beca para xantar, un servizo que xa se viña prestando. “É lamentable que se falseen os datos das bolsas para os comedores escolares e por enriba se lles rouben os méritos ás ÁNPA”, dixo a edil sobre unha información distribuída onte polo PP baixo o “deliberadamente enganoso” encabezamento “El Grupo Popular afirma que gracias a sus propuestas 183 niños matriculados en centros concertados se benefician este curso de las becas de comedor”. 

En total, son 351 nenas e nenos quen obtiveron este ano beca comedor, tanto para o xantar como para o almorzo, “porque ese é o total, sen distinción entre colexios públicos ou concertados, e as familias que necesitan esas axudas dispoñen delas non grazas a ningún grupo político nin a ningún goberno, senón froito da solidariedade das ferrolás e os ferroláns que sufragan cos seus impostos os servizos de Benestar Social”, afirmou a concelleira. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar