Novas

venres, 09 de setembro de 2022

O Concello abre o luns o prazo de inscrición na primeira das saídas de balde para maiores do programa ‘Outono Ilustrado’

Será o 24 de setembro ao Castelo de San Felipe con 35 prazas. Os participantes desprazaranse en autobús ata a fortaleza para coñecer a súa historia, construción e a súa importancia como parte da liña de defensas de costa que percorren a ría ferrolá


O Concello de Ferrol intensifica os seus esforzos para atender as necesidades da poboación de maior idade e suma novas iniciativas de envellecemento activo e saudable a través do programa ‘Outono Ilustrado’, que arrincará o 24 de setembro cunha primeira saída ao Castelo de San Felipe. Os participantes desprazaranse en autobús ata a fortaleza para coñecer a súa historia, construción e a súa importancia como parte da liña de defensas de costa que percorren a ría ferrolá. Aínda que todas as saídas do programa ‘Outono Ilustrado’ son de balde, os interesados en participar deben inscribirse previamente a través do correo outonoilustrado@gmail.com ou chamando ao 631 683 070 de 10 a 14 horas, de luns a venres. O prazo para anotarse nesta primeira ruta ao Castelo de San Felipe abre o luns, 12 de setembro. 


O programa ‘Outono Ilustrado’ inclúe unha serie de saídas polo patrimonio ferrolán co obxectivo de “mellorar o benestar social e a calidade de vida dos nosos maiores ao tempo que se promove a candidatura de ‘Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración’ como Patrimonio da Humanidade”, indicou a concelleira de Patrimonio Histórico e Benestar Social, Eva Martínez Montero. Por ese motivo, varios emprazamentos deste conxunto histórico patrimonial serán o destino destas saídas abertas a veciños empadroados na cidade que teñan cumpridos os 65 anos. 

Durante o mes de outubro están propostas dúas excursións. A primeira, o día 8, percorrerá o Arsenal Militar para coñecer algúns dos seus edificios máis emblemáticos. Para facilitar a súa mobilidade, os participantes desprazaranse en autobús polas instalacións, facendo paradas nos puntos máis destacados. Para o día 22 de outubro proponse un percorrido para desvelar os segredos do barrio da Magdalena, como núcleo da cidade e exemplo de planificación urbana ilustrada integrada con perfecta harmonía coas defensas militares da cidade, os edificios de intendencia e as dependencias civís. 

O programa finalizará en novembro con sendas visitas á Capitanía Xeral e ao Cuartel de Dolores e Fontelonga. A primeira delas, programada para o día 5, desenvolverase en dúas quendas (ás 11.00 e 12.00 horas) con grupos reducidos para facilitar o seu acceso a este impoñente edificio. O peche do ciclo ‘Outono Ilustrado’ chegará o día 19 cunha excursión polo Cuartel de Dolores, o máis antigo en uso en España, e á porta ao mar de Fontelonga, única que se conserva do recinto amurallado da cidade. Unha guía titulada e unha persoa da organización acompañarán aos participantes en todas as visitas.

Ampliación do número de prazas 
Tras o éxito das visitas guiadas pola cidade que se desenvolveron na pasada primavera a través de programas municipais, e tendo en conta ás demandas dos participantes, o goberno local ampliou o número de prazas dispoñibles en cada excursión, que estarán agora abertas a 35 persoas. Adxudicaranse por rigoroso orde de inscrición. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar