Novas

luns, 12 de setembro de 2022

O Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’, na súa categoría para iniciativas de cooperación internacional, recae no proxecto ‘Máis que arqueoloxía’

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, destacou da iniciativa do profesor universitario Juan Luis Montero Fenollós o seu esforzo para promover a formación entre as mulleres arqueólogas palestinas e escolares


O Concello de Ferrol vén de conceder o Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’, na súa categoría de proxectos de ámbito internacional, a Juan Luis Montero Fenollós polo seu proxecto ‘Máis que arqueoloxía’, unha iniciativa de cooperación educativa e desenvolvemento local nos territorios palestinos. Montero Fenollós é profesor titular de Historia Antiga na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol (UDC). Así o acordou o xurado do Premio Solidario na súa reunión desta mañá para avaliar un proxecto presentado en prazo á categoría dirixida a proxectos centrados na cooperación internacional e que, por erro, quedou fora da valoración inicial, ao non ser incluído na listaxe inicial de admitidos. Esta liña está dotada con 4.000 euros. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, destacou que se trata dunha iniciativa “moi relevante, entre outras cousas, porque introduce formación para arqueólogas palestinas que contribuirá á mellora do seu patrimonio arqueolóxico así como en centros escolares do campo de refuxiados de Far`a co fin de que os nenos de entre 10 a 12 anos coñezan o seu patrimonio cultural e a importancia do seu estudo e conservación como defensa do seu pasado e dos seus propios acenos de identidade”. 

O premio conta con dúas categorías, a de cooperación internacional e a dirixida a iniciativas locais, que foi concedida á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra polo seu proxecto ‘Coñece Ferrol en Lingua de Signos’ e dotada con 6.000 euros.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar