Novas

luns, 12 de setembro de 2022

O Concello celebrará o 22 de setembro o Día Sen Coche con rúas peonís no centro e buses urbanos de balde

O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, lembrou que as liñas nas que se aplicará a gratuidade serán nas que teñan todo o seu percorrido dentro do termo municipal de Ferrol


O Concello de Ferrol súmase un ano máis ás iniciativas orientadas a lograr unha cidade máis ecolóxica e aumentar o uso do transporte público coa celebración da Semana Europea da Mobilidade, que terá lugar entre o 16 e 22 de setembro. 


A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as iniciativas previstas para estes días. O concelleiro de Mobilidade, Julián Reina, lembrou que o lema deste ano é ‘Mellores conexións’, unha idea que persigue difundir os beneficios do uso de modos de transporte sostible. O día clave da Semana é o 22 de setembro, o ‘Día sen coches’, que consiste en reservar a peóns, ciclistas e transporte público unha ou varias zonas do municipio. O Concello de Ferrol súmase de novo a esta iniciativa “reafirmando o seu compromiso neste ámbito cara a conseguir unha cidade máis ecolóxica, accesible, inclusiva e segura”, indicou Reina. 

Deste modo, o día 22 peonalizarase e regularase o tráfico na zona centro da cidade “cedendo máis espazo para os peóns”. Tamén durante esta xornada algunhas liñas de transporte urbano serán de balde co fin de “concienciar á poboación dos aspectos positivos de utilizar o transporte público”. As liñas nas que se aplicará a gratuidade serán nas que teñan todo o seu percorrido dentro do termo municipal de Ferrol.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar