Novas

luns, 12 de setembro de 2022

A nova rede de auga de Pardo Baixo conectarase durante a noite do martes ao mércores

Os traballos obrigarán a cortar o abastecemento tanto na rúa coma na praza do Callao entre as 23.00 e as 5.00 horas


Durante a noite de mañá, martes, ao mércores 14, a nova canalización de auga potable de Pardo Baixo quedará conectada á rede xeral, segundo prevé a Empresa Mixta de Augas de Ferrol. Emafesa programou para o período entre as 23.00 e as 5.00 horas uns traballos que obrigarán a cortar o subministro tanto na rúa coma na praza do Callao. 


Durante o transcurso das obras de reurbanización, o servizo prestouse a través de tubos provisionais, como é habitual neste tipo de intervencións. En paralelo á conexión, imprescindible para rematar os traballos en superficie, continuará a colocación do pavimento, só pendente en pequenas áreas de ambos extremos da vía para que estea totalmente completado. A intención é que as últimas lousas se asenten nos vindeiros días, de forma que se finalizaría o deseño de plataforma única para unha rúa que pasará a ser definitivamente peonil. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar