Novas

martes, 13 de setembro de 2022

O Concello reforzará a súa colaboración co proxecto ‘Canido en Nomes’, que busca recuperar a historia e toponimia do barrio

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, anunciou que nas próximas datas reunirase coas entidades veciñais e culturais do barrio. Destacou o éxito da ruta guiada e teatralizada celebrada a pasada fin de semana, á que acudiron preto de 50 persoas


O Concello reforzará a súa colaboración co proxecto ‘Canido en Nomes’, que busca recuperar a historia e toponimia do barrio

O Concello de Ferrol vai intensificar a súa colaboración co proxecto ‘Canido en Nomes’ de cara a seguir promovendo a recuperación da toponimia do barrio e a divulgación da súa historia. Trátase dunha iniciativa impulsada polo tecido asociativo e cultural do barrio en colaboración co Concello de Ferrol para poñer en valor a historia de Canido a través do estudo do seu patrimonio, da súa evolución urbanística e toponimia e a memoria e testemuños dos seus veciños. 


A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou esta mañá que tras o éxito da ruta guiada e teatralizada celebrada a pasada fin de semana, á que asistiron preto de medio centenar de persoas, nas próximas datas reunirase coas asociacións veciñais e culturais do barrio para “avanzar e intensificar a nosa colaboración con esta magnífica iniciativa” co fin de “seguir traballando conxuntamente para divulgar e recuperar a historia deste barrio”. 

A edil lembrou que o Concello instalou as placas identificativas en 15 espazos do barrio que integran a ruta de Canido, todas elas cun código QR que leva á paxina web https://canidoennomes.eu/. Ademais da ruta, a web tamén recolle unha sección de nomes esquecidos, outra con fondos da memoria dos veciños a partir de testemuños e conversas, de cartografía e un apartado de novas, entre outras cuestións. 

O barrio “é un dos máis vivos da cidade”, explicou, quen lembrou que cada mes de setembro acolle centos de visitantes polo Festival das Meninas de Canido. O Concello agradece a colaboración e “excelente participación” de entidades e veciños, “que aportaron fondos e información de gran utilidade” para o desenvolvemento deste proxecto.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar