Novas

xoves, 15 de setembro de 2022

O Concello prepara unha limpeza dos tramos urbanos de 14 cursos fluviais do termo municipal

A concellería de Medio Ambiente levará a cabo podas, rozas e a retirada de elementos que impidan a normal circulación das augas nas zonas que son competencia da Administración local. Ana Lamas reclamoulle á Xunta de Galicia que pola súa banda desenvolva os mesmos labores nos treitos da súa competencia, que son todos os que discorren por zonas rurais


O Concello prepara unha limpeza dos tramos urbanos de 14 cursos fluviais do termo municipal

A concellería de Medio Ambiente prepara de cara ao inverno a limpeza dos tramos de ríos e regos nos que eses traballos son de competencia municipal. Consistirán en diferentes operacións de conservación, mantemento e acondicionamento ambiental das canles e marxes co fin de facilitar o libre discorrer das augas, á vez que se manteñen as condicións naturais do ecosistema e se favorecen aspectos medioambientais, estéticos e de uso social con respecto polo entorno. Entre eses labores destacan a entresaca, poda e retirada de árbores, a roza selectiva de vexetación arbustiva que estea a obstruír a canle ou posibilite a formación de tapóns, a inspección e retirada de elementos artificiais, coma escombros e residuos similares, a limpeza de calquera sólido estraño e alleo ao río e a retirada de animais mortos. 


Na medida do posible, conservarase a vexetación de ribeira necesaria para o desenvolvemento das funcións ecolóxicas do ecosistema. Tampouco se eliminará a sedimentación natural dos leitos para evitar cambios na morfoloxía do canal e das marxes. 

A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, explicou que as tarefas de limpeza desenvolveranse en 14 cursos fluviais de trama urbana do municipio. Son o rego de San Xurxo, os dous do Xuncal, o de Doniños, o de Esmelle, o da Ponte, o da Graña, o de San Antonio, o río de San Antonio, o rego da Cabana, o do Recanto, o río dos Corrais, o río da Sardiña e o rego de Aneiros. 

Segundo a normativa, os concellos son os encargados de manter os cursos fluviais ao seu paso por zonas urbanas, agás nas pontes, pasarelas e obras de drenaxe transversal, casos nos que será responsable a Administración titular das mesmas. De acordo con isto, o Concello de Ferrol unicamente poderá actuar nos tramos urbanos delimitados no visor oficial de Augas de Galicia, que suman unha lonxitude de 2.112 metros. Deles, o 54,12 % (1.143) están entubados. O custe dos traballos está estimado en cerca de 18.000 euros.

Visita hoxe con veciños 
A concelleira de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Ana Lamas, visitou esta mañá un dos ríos nos que nas próximas semanas se acometerán ditos traballos de limpeza, o dos Corrais, en Serantes, acompañada por veciños do barrio. Trasladoulles as tarefas que se levarán a cabo e lembrou que o fin “é contar cun servizo que anualmente limpe os tramos municipais dos ríos”. Apuntou que dende o Concello velarase por que “estean nun correcto estado de mantemento e de seguridade” os tramos que discorren por zonas coa cualificación de urbana. 

A edil lembrou que na maioría dos cursos fluviais do municipio a competencia en materia de limpeza corresponde á Xunta, polo que lle reclamou á Administración autonómica que á súa vez desenvolva estes traballos nos tramos que lle corresponden. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar