Novas

xoves, 15 de setembro de 2022

O Concello outorga o Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’ 2022 ás propostas da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e do arqueólogo Juan Luis Montero

O alcalde, Ángel Mato, presidiu o acto no que se recoñeceu cunha axuda de 6.000 euros o proxecto ‘Coñece Ferrol en Lingua de Signos’, na categoría de voluntariado, e con 4.000 euros a iniciativa ‘Máis que arqueoloxía’, no ámbito da cooperación internacional


O Concello outorga o Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’ 2022 ás propostas da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e do arqueólogo Juan Luis Montero

 O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá no pazo municipal o acto oficial pola entrega do Premio Solidario ‘Cidade de Ferrol’ 2022, que este ano recaeu na súa categoría de voluntariado á Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra polo seu proxecto ‘Coñece Ferrol en Lingua de Signos’. A entidade recibiu así 6.000 euros para a posta en marcha desta iniciativa socioeducativa e inclusiva para a promoción da lingua de signos e da cidade de Ferrol como referente en materia de accesibilidade para as persoas xordas, especialmente no ámbito turístico. A finalidade da iniciativa é fomentar a universalización da lingua de signos nas persoas oíntes, facilitar a comunicación e introducila entre a poboación máis nova a través de contacontos e obradoiros de sensibilización. Trátase de concienciar sobre a importancia da integración das persoas xorda nos bens e servizos que ofrece a industria turística. 


En canto á categoría de cooperación internacional, o Concello outorgou o recoñecemento a Juan Luis Montero Fenollós, arqueólogo e profesor titular de Historia Antiga na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol (UDC), polo seu proxecto ‘Máis que arqueoloxía’, unha iniciativa de cooperación educativa e desenvolvemento local nos territorios palestinos. Esta liña está dotada con 4.000 euros. Trátase dunha iniciativa que introduce formación dirixida a arqueólogas palestinas, o que contribuirá á mellora do seu patrimonio arqueolóxico, e a escolares do campo de refuxiados de Far`a co fin de que os nenos de entre 10 a 12 anos coñezan o seu patrimonio cultural e a importancia do seu estudo e conservación como defensa do seu pasado e dos seus propios acenos de identidade. Ao acto asistiron tamén representantes de numerosas entidades, entre elas as premiadas o pasado ano —Manos Unidas e Asotrame— e participantes na convocatoria deste ano.

Tecido social para unha cidade “máis solidaria e amable” 
“O principal reto dunha sociedade e seguir traballando para romper as desigualdades”, apuntou o alcalde, quen felicitou aos premiados e tamén a todas as entidades que presentaron os seus proxectos. Destacou a “calidade e rigor de todas as iniciativas” e recoñeceu que é un “orgullo como alcalde comprobar a gran rede de solidariedade coa que contamos en Ferrol grazas ao traballo diarios de asociacións e entidades como vós”. “Parabéns a todos por facer unha cidade máis solidaria e amable”, dixo. 

Mato lembrou que o Concello de Ferrol mantén subvencións e programas cun total de 46 asociacións sociais, e este ano a contía ascende a medio millón de euros, unha cantidade que creceu substancialmente durante este mandato, en parte, para facer fronte ás necesidades provocadas pola pandemia. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, animou ao tecidos social da cidade a continuar participando neste certame, “nestes anos especialmente importantes dada a situación de dificultade na que nos atopamos”, e deste modo “seguir aportando á sociedade tanta soliedariedade”.

Traballo pola integración, a educación, a igualdade e o desenvolvemento local
 Teresa Gallo, en representación da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, agradeceu ao Concello de Ferrol o recoñecemento e indicou que “este premio nos permitirá seguir traballando na sensibilización e difusión da lingua de signos”. Pola súa banda, Montero Fenollós indicou que “é un honor recibir un premio” que vai dirixido a un grupo de persoas que hai xa anos comezou a traballar en Siria e posteriormente en Palestina. “Sen cultura non hai solidariedade posible con aqueles que o necesitan”, dixo, e lembrou que o seu proxecto está baseado en tres pilares: educación, igualdade e desenvolvemento local. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar