Novas

venres, 16 de setembro de 2022

O Concello de Ferrol consegue por primeira vez a subvención do 1,5 % cultural do Ministerio de Transportes

Os 273.103,59 euros da axuda foron transferidos esta semana e están destinados á rehabilitación das cubertas pétreas e o sistema de evacuación de augas do castelo de San Felipe. O alcalde, Ángel Mato, cualificou de “fito” a concesión da axuda estatal para rehabilitar o “buque insignia do noso patrimonio histórico e o noso principal recurso turístico”. A edil de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, destacou que esta actuación e as xa feitas no castelo durante este mandato sumarán un investimento de 800.000 euros


O Concello de Ferrol consegue por primeira vez a subvención do 1,5 % cultural
do Ministerio de Transportes

 O Concello de Ferrol vén de acadar por primeira vez a subvención do 1,5 % Cultural, unha axuda de concorrencia competitiva que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana convoca para contribuír á conservación do patrimonio nos lugares onde leva a cabo obras públicas, ben de xeito directo, ben a través de organismos dependentes. 


O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, informou hoxe na compaña da concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, sobre a concesión de 273.103,59 euros procedentes deste programa estatal, un importe destinado a financiar as obras de recuperación das cubertas pétreas e o sistema de evacuación de augas pluviais do castelo de San Felipe. A intervención afectará á zona central da fortificación e á situada máis próxima ao acceso. 

Mato explicou que esta mesma semana, ademais da comunicación oficial da concesión, fóronlle transferidos os fondos por parte do ministerio. Detallou tamén que ese importe equivalía nun primeiro momento ao 60 % do orzamento da obra, pero que coa actualización de prezos que implica o paso de dous anos o total da licitación será superior ao previsto, por enriba dos 550.000 euros. Iso implicará que Concello e Estado asumirán cada un en torno ao 50 % do financiamento dos traballos. 

O rexedor destacou que este “fito” servirá para continuar coa rehabilitación do que cualificou de “buque insignia do noso patrimonio histórico e o noso principal recurso turístico”. Apoiou esa afirmación na evolución do número de visitantes que ten o castelo. Segundo lembrou, dende o 2015, as cifras incrementáronse dende as 33.000 persoas ata unha media dos anos 2018 e 2019. Incluso no 2020, no que estivo pechado ao público durante tres meses por mor da pandemia, achegáronse a el 25.000 persoas, que aumentaron ata as 33.000 no 2021 a pesar dos dous meses de peche debidos ás obras ás que se someteu. No que vai de ano, xa pasaron polo castelo máis de 32.000 persoas, polo que, avanzou o alcalde, agárdase unha cifra de récord para o conxunto dos 12 meses, superior incluso aos niveis de antes da pandemia. 

Mato destacou que o 1,5 % cultural é un programa “moi esixente”, de concorrencia competitiva, e que resulta moi difícil acceder ás axudas que distribúe. O Concello de Ferrol presentara proxectos antes e nesta ocasión “fíxose un traballo moi minucioso para analizar aqueles aspectos que era necesario mellorar”, afirmou. 

Coincidiu con el a concelleira de Patrimonio Histórico. Eva Martínez Montero repasou as intervencións que se realizaron en San Felipe nos últimos anos, como a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa, ao abeiro do proxecto MMIAH, a eliminación de diversos elementos e construcións descontextualizados, a mellora dos servizos ou a habilitación dunha zona de recepción para os visitantes, ademais de obras de reparación en algunhas cubertas. Con esta nova actuación, asegurou, vanse acadar en torno aos 800.000 euros de investimento durante o presente mandato, pero adiantou tamén que está practicamente listo un proxecto para a construción dunha zona de cafetería que será presentado en breve e para cuxa execución o Concello xa está traballando en atopar financiamento. 

En canto aos prazos, ambos marcaron finais de ano para poñer en marcha o procedemento de licitación e en torno a un ano contado a partir de agora para que os traballos estean rematados. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar