Novas

domingo, 18 de setembro de 2022

O alcalde entregou á poeta Julia Uceda a Medalla de Plata do Concello de Ferrol

Durante o acto, no Teatro Jofre, Ángel Mato trasladoulle á homenaxeada o orgullo que supón para a cidade contar entre os seus veciños cunha literata da súa categoría. O ministro de Cultura, o presidente de Andalucía e os rexedores de Sevilla e Granada enviaron mensaxes de felicitación que se proxectaron no transcurso da cerimonia


O alcalde entregou á poeta Julia Uceda a Medalla de Plata do Concello de Ferrol

A poeta Julia Uceda recibiu hoxe de mans do alcalde, Ángel Mato, a Medalla de Plata do Concello de Ferrol ao mérito cultural. A cerimonia de entrega celebrouse no Teatro Jofre e nela participaron, a través de mensaxes gravados que se proxectaron na pantalla, o ministro de Cultura, Miquel Iceta; o presidente de Andalucía, Juan Manuel Moreno; o alcalde de Sevilla, Antonio Muñoz; o alcalde de Granada, Francisco Cuenca; o catedrático de Literatura da Universidade de Sevilla, Manuel Ángel Vázquez Medel; e o director da Real Academia Sevillana de Buenas Letras, Pablo Gutiérrez-Alviz. 


“Ferrol tivo a sorte de que Julia Uceda quedara a vivir entre nós”, dixo Mato durante a súa intervención, na que lle trasladou á homenaxeada o orgullo dos ferroláns por contar con ela como veciña. “É de xustiza facerlle este recoñecemento a quen nos legou o seu coñecemento e o seu talento a través da docencia e contribuíu a engrandecer o nome da nosa cidade coa súa extraordinaria traxectoria literaria”, asegurou o rexedor.

Julia Uceda, quen firmou no Libro de Ouro do Concello de Ferrol “co corazón”, dixo, recitou dous dos seus poemas e recoñeceu que a diario se beneficia da paisaxe “increíblemente fermoso” de Ferrol. A poeta tamén quixo lembrar ao seu home, por quen chegou á cidade, e agradecer ao Concello de Ferrol a cerimonia de hoxe. Durante o acto o grupo musical formado por Beatriz García (voz), José Ares (batería) e Sergizo Lorenzo (piano) interpretou varias pezas que foron significativas na vida de Julia Uceda e do seu home. 

Julia Uceda naceu en Sevilla en 1925 pero leva moitos anos residindo en Ferrol. Hoxe en día é a máis grande das poetas vivas e a súa obra deu unha nova proxección á cultura española en todo o mundo. A poeta, Filla Adoptiva de Ferrol, está en posesión, entre outras distincións, do Premio Nacional de Poesía, a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, o Premio Internacional de Poesía García Lorca, o Premio Nacional da Crítica e o Premio Luis de Góngora y Argote. Uceda tamén foi nomeada Filla Predilecta de Andalucía. A súa obra foi traducida a varios idiomas. 

O pasado mes de xuño o pleno da corporación municipal de Ferrol aprobou por unanimidade conceder a Medalla de Prata do Concello de Ferrol ao mérito cultural á poeta Julia Uceda. É doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Sevilla e catedrática de Literatura Española. Exerceu a docencia en España, Canadá, EE.UU. e Irlanda e a crítica literaria en numerosas revistas especializadas de todo o mundo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar