Novas

luns, 19 de setembro de 2022

O Concello destina preto de 48.000 euros ás obras de reposición parcial do adoquín na rúa Carme, que comezarán mañá martes

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou hoxe que os traballos se iniciarán polo extremo próximo á Praza do Callao. Indicou que esta intervención dará “continuidade á mellora e acondicionamento do espazo público neste extremo do barrio da Magdalena, unha vez rematamos a substitución do adoquín por formigón na Praza do Callao e na rúa Lugo”


O Concello destina preto de 48.000 euros ás obras de reposición parcial do adoquín na rúa Carme, que comezarán mañá martes

O Concello de Ferrol vai iniciar mañá martes, 20 de setembro, a reposición parcial do adoquín na rúa Carme, entre Sol e Callao, unha actuación á que a Administración local destina preto de 48.000 euros (con impostos). A intervención conta cun prazo de execución de tres meses unha vez firmada a acta de traza de planta, que terá lugar mañá, e inclúe retirar o pavimento de adoquín, o seu traslado para a súa recuperación e posterior aproveitamento. Con esta obra “daremos continuidade á mellora e acondicionamento do espazo público neste extremo do barrio da Magdalena, unha vez rematamos a substitución do adoquín por formigón na Praza do Callao e na rúa Lugo”, apuntou o voceiro local. 


Desde mañá a rúa Carme estará pechada ao tráfico rodado excepto para residentes e o servizo de carga e descarga, que deberán saír pola rúa Magdalena ata a rúa Lugo. Para acometer os traballos está previsto que se corte a rúa por tramos, para reducir alteracións no tráfico, comezando mañá mesmo polo máis próximo á praza do Callao, o quinteiro entre Callao e a rúa Magdalena. 

Aglomerado en Brión 
En canto a outras obras na cidade, Reina anunciou que xa comezaron os primeiros traballos para proceder ao aglomerado da estrada Valón-Brión, na parroquia de Brión, coa limpeza de cunetas de ambas marxes e a preparación da superficie. Está previsto que a finais desta semana ou principios da próxima comecen os traballos de aglomerado. A esta intervención o Concello de Ferrol destina 83.928,00 euros (con impostos). O camiño conta cunha lonxitude de 2.025 metros e un ancho medio de 5,5 metros. En total actuarase en 10.800 metros cadrados. O proxecto tamén contempla a sinalización horizontal con marcas viarias. 

Día Sen Coches 
En canto á próxima celebración o xoves 22 de setembro do Día Sen Coche en Ferrol, no marco da Semana da Mobilidade 2022, o Concello de Ferrol sacará de novo á rúa o parque municipal da Escola de Mobilidade. Trátase dunha iniciativa conxunta das concellerías de Mobilidade, dirixida por Julián Reina, e a de Seguridade e Tráfico, da que é titular Germán Costoya. O parque municipal da Escola de Mobilidade instalarase na Praza da Constitución, de 16 horas a 19.30 horas. 

Para conmemorar o Día Sen Coche o día 22 o Concello de Ferrol tamén pechará ao tráfico rodado entre as 9.30 horas e as 21.30 horas as rúas do centro do barrio da Magdalena tendo en conta que este ano están en obras varios quinteiros da rúa Igrexa. Tamén serán de balde as liñas de autobús urbanos que teñan todo o seu percorrido dentro do termo municipal de Ferrol.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar