Novas

martes, 20 de setembro de 2022

Afal celebrará o Día Mundial do Alzhéimer sacando de novo as súas mesas informativas á rúa e recuperando a Xuntanza Solidaria

A concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ferrol, Eva Martínez Montero, e o presidente da asociación, Francisco Pantín, presentaban esta mañá a programación de actos do 21-S


Afal celebrará o Día Mundial do Alzhéimer sacando de novo as súas mesas informativas á rúa e recuperando a Xuntanza Solidaria

Afal Ferrolterra presentou esta mañá na casa consistorial de Ferrol a programación de actos cos que, este ano, conmemorará o Día Mundial do Alzhéimer, que se celebra mañá mércores, 21 de setembro. A concelleira de Servizos Sociais, Eva Martínez Montero, acompañou ó presidente da asociación, Francisco Pantín, na rolda de prensa celebrada na casa consistorial, reafirmando o compromiso do Concello na loita contra esta enfermidade, que se estima afecta a unhas 80.000 persoas en Galicia, en todo caso, tendo en conta tan só ás que contan cun diagnóstico. 


Así, e tras dous anos marcados pola covid-19, Afal volve saír á rúa, e este mércores instalará unha mesa informativa na praza de España, na que informará á cidadanía sobre o alzhéimer e os tratamentos non farmacolóxicos que desenvolve a asociación nos dous centros de día de Ferrol, e tamén nos talleres nos concellos da comarca, para tentar retardar o seu avance e apoiar ás familias. Permanecerá neste espazo central de Ferrol durante toda a mañá, de 11:00 a 13:00 horas. Tamén este mércores, e cunha clara vocación de darlle visibilidade á loita contra o alzhéimer, iluminarase de cor verde a fachada da casa consistorial e do teatro Jofre. As accións completaranse nesta xornada, co proxecto “Ponte na súa pel”, que Afal levará a cabo en colaboración co Centro Comercial Odeón, en Narón. A través dun circuito con diferentes probas, a asociación convidará á cidadanía a experimentar situacións cotiás que afrontan as persoas afectadas (limitacións na deambulación, dificultades para o vestido autónomo, desorientación espacial, etc), xenerando así empatía. Será en horario de 11 a 13 e de 17 a 19 h. 

A programación continuará xoves, co inicio do programa formativo Cuidadanas na sede de Afal en Ferrol. O proxecto do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030 busca mellorar a calidade de vida das coidadoras, e celebrarase todos os xoves ata finais de outubro. Entre os seus contidos, abordaránse hábitos saudables, xestión de conflitos e do sentimiento de culpa ou técnicas de relaxación. 

Finalmente, o sábado 24 de setembro, Afal recuperará a súa Xuntanza Solidaria. Celebrarase na Hacienda de Sinde, na parroquia naronesa do Val -baixo unha gran carpa se chove-. Nesta ocasión, a cita solidaria anual con Afal será a mediodía, a partires das 13:30 horas, e cun guión máis informal do acostumado nas súas tradicionais ceas de setembro. Haberá servizo de cátering con zamburiñas, empanadas variadas, mesas de queixos, croquetas, culleriñas de salpicón, cuncas de callos, mesas doces, café e infusións, viños, auga, refrescos, sidra natural... "todo un xantar para disfrutar". E unha pulpeira para atender a demanda dos comensais, e un mestre xamoneiro. Photocall de rigor e máis animación musical a cargo dos Cantaberneiros e Jorge Latino, con algunha sorpresa, completarán a xornada. A recadación da xuntanza destinarase a soster os programas que desenvolve a asociación a favor das persoas afectadas de alzheimer e das súas familias, co que as persoas que desexen sumarse á cita poden reservar a súa entrada no teléfono 981 37 06 92 de 9:00 a 19:00 horas. O prezo é de 40 euros. 

Eva Martínez Montero asegurou que esta programación demostra que, pouco a pouco, estamos a recuperar a normalidade tralo covid, e puxo en valor o traballo de Afal aínda en tempos de pandemia. Neste sentido, lembrou a colaboración brindada polo Concello coa cesión do Antigo Hospicio para desenvolver terapias, e asegurou que ese apoio continuará, tanto neste sentido como a través doutras vías. Entre elas, axudar a dar visibilidade ó alzhéimer coa presenza institucional nas actividades previstas. Concluíu ratificando o compromiso municipal coa entidade e amosando o seu recoñecemento á súa labor. 

Francisco Pantín correspondeu o apoio e aproveitou a ocasión para facer un chamamento á cidadanía para unirse a Afal facéndose socios/as ou voluntarios/as, dous dos piares fundamentais da asociación para continuar prestando un apoio clave ás persoas afectadas e ás súas familias.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar