Novas

xoves, 22 de setembro de 2022

O Concello porá en marcha en outubro un programa de actividades de dinamización e estimulación mental para maiores de 65 anos no centro social da rúa Río Xubia

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta esta mañá aos grupos municipais durante a comisión de área que o fin do programa, que rematará a finais de maio, é “seguir promovendo o envellecemento activo e saudable entre a poboación de maior idade e mellorar o seu estado físico e mental”. Tamén anunciou que a Administración local impulsa en Caranza a Andaina inclusiva ‘Cor-Sportod@s’, que terá lugar o 2 de outubro polo paseo marítimo do barrio e desenvolverase en colaboración coa asociación de veciños do barrio e ASCM


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou esta mañá aos grupos municipais durante a comisión de hoxe de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico que o Concello de Ferrol vai poñer en marcha a partir do 3 de outubro un programa de actividades de dinamización para maiores de 65 anos que se desenvolverá ata o 31 de maio de 2023. O obxectivo é, en colaboración co persoal experto en actividade mental da asociación Andaravía, “seguir ofrecendo propostas para promover o envellecemento activo e saudable entre a nosa poboación de maior idade e mellorar o seu estado físico e mental”, indicou a edil.


Durante a comisión, a concelleira explicou que o Concello ten preparado un plan nutrido de actividades, entre as que se atopan Bolboretas mentais, Latexa no parque, Queimando asfalto, A chave, Petanca, Mirando ao río cantei, Ao corro da pataca, O faiado dos recordos, As 40 e A Taberna. 

Actividade tanto no interior do centro como ao aire libre
Martínez Montero apuntou que se trata dun abanico de propostas “variadas e axeitadas para a poboación de maior idade que se desenvolverán tanto no interior do centro da rúa Río Xubia como no exterior, co fin de que gocen do aire libre”. 

O programa está destinado a persoas maiores de 65 anos e con el preténdese converter o centro nun referente de envellecemento saudable e activo na cidade. Durante o outono, inverno e primavera (outubro a maio) levaranse a cabo 15 sesións ao mes, para un total de 120 sesións. 

Andaina inclusiva en Caranza
A concelleira de Benestar Social tamén trasladou aos grupos da oposición que o Concello de Ferrol promove unha nova andaina, neste caso no barrio de Caranza, aberta a toda a poboación, para o próximo día 2 de outubro, ás 12 horas. A edil indicou que será a terceira edición da ‘Andaina Inclusiva de Cor-Sportod@s’ e desenvolverase no paseo marítimo do barrio coa colaboración da asociación veciñal de Caranza e a entidade sociocultural ASCM no marco dos actos conmemorativos polo 50 aniversario do barrio. 

A edil lembrou que a inscrición é de balde e xa está aberto o prazo para que as persoas interesadas se anoten. Poden facelo na asociación de ASCM (rúa San Roque e Ánimas, Bloque 2, Baixo 18-19. Tlfo: 981351430/comunicacionascm@gmail.com) ou a través do formulario que se atopa no enlace https://bit.ly/AndainaCoresCaranza. Tamén a través da asociación de veciños de Caranza (tlfo: 981 32 58 52 ou no correo electrónico: avvcaranza@mundo-r.com). 

A iniciativa busca “visibilizar a situación das persoas con diversidade funcional desde un entorno positivo e inclusivo”, indicou a edil. Será un evento “festivo no que todos os participantes poderán facer un percorrido de preto de dous quilómetros nos que serán espolvoreados con pos de cores”. O lema ‘Príngate de Cor’ invita a toda a poboación a participar e deixar pegada no camiño “para alcanzar unha sociedade sen barreiras”, apuntou a edil. 

A recepción e entrega de dorsais se realizará unha hora antes do inicio da andaina, ás 11.00 horas, cando remate o prazo de inscrición. Os participantes inscritos recibirán un kit de benvida e durante o percorrido atoparán música, agasallos e premios, entre outros. A entidade veciñal aportará placas conmemorativas para as categorías participantes: á entidade social con máis participación, o centro escolar con máis participación, para o participante de maior idade e para o de menor idade. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar