Novas

venres, 23 de setembro de 2022

O Concello demándalle á Xunta que atalle as deficiencias na limpeza e no mantemento das escolas infantís de Esteiro e Caranza que denuncian representantes laborais e familias

Traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e membros da ANPA reuníronse esta mañá coa concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, para trasladarlle a súa preocupación polo deterioro do servizo e informala das reivindicacións dos empregados do organismo


O Concello demándalle á Xunta que atalle as deficiencias na limpeza e no mantemento das escolas infantís de Esteiro e Caranza que denuncian representantes laborais e familias

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, recibiu esta mañá no Concello a unha representación de traballadores do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, responsable, entre outras, das escolas infantís da Galiña Azul. Durante o encontro, no que tamén estaba representada a ANPA da escola de Esteiro, os representantes laborais trasladáronlle á edil a súa preocupación por dous problemas que están a enfrontar. O que afecta máis directamente ao Concello de Ferrol é a situación das escolas de Esteiro e Caranza. A edil lembrou que o ano pasado Consorcio e Concello acordaron que o primeiro se fixera cargo do mantemento dos centros. A cambio, a Administración local incrementou a súa achega de 900 euros por praza a 1.500. Segundo explicou, en contra do que se agardaba ao asumir o Consorcio esas funcións, a situación foise deteriorando ata niveis “alarmantes”. 


Afondou nisto Natalia Paz, traballadora do Consorcio na Galiña Azul de Esteiro. Cualificou de “decepción” o cambio, xa que implicou unha “desmellora total no servizo”. Asegurou que no referido á limpeza “desbaratouse todo, máis aínda en período de covid”. Confrontou que cando o Concello a xestionaba directamente “había un servizo moi potente en agosto para limpar a fondo e o centro abría o curso case coma inaugurado”, pero que agora se abre “de xeito nefasto”. Criticou tamén que se reducira unha hora o tempo de cociña, que por primeira vez se utilizasen conxelados. Trátase dunha problemática na que, explicou, o persoal ten o apoio das familias. 

Por todo elo, a concelleira informou de que o seu departamento vai remitir un escrito ao Consorcio no que consten as deficiencias e, á vez, solicitar unha reunión coa xerencia para pór fin a unha situación “totalmente intolerable, máis aínda cando está a supoñer máis gasto para o Concello e, polo tanto, para os veciños”. 

O outro asunto que trataron os participantes na xuntanza é a consolidación dos postos de traballo dos empregados do Consorcio na Administración, “unha reivindicación tremendamente xusta”, asegurou Martínez Montero. “Estamos a falar dun servizo público no que o persoal traballa con colectivos vulnerables, e por iso cando se toma calquera decisión que afecte a este tipo de servizos parece moito máis importante que se teñan en consideración estes aspectos”, dixo. 

A concelleira avanzou a intención de levar ao vindeiro pleno as reivindicacións deste colectivo, recollidas nun documento do que lle fixeron entrega. “Se contan co apoio de todos os grupos políticos será como declaración institucional, e se non, o grupo socialista presentaraas como moción”, explicou. 

Detallou o contido Xosé Luís Ramil, traballador dos servizos centrais do Consorcio. “O que se reivindica é que no proceso de consolidación que se está a levar a cabo as prazas do Consorcio se valoren máis, igual que sucede nos concellos”, dixo. Niso afondou Martínez Montero: “É moi importante manter o persoal de referencia, que leva moitos anos traballando nestes centros con nenos, e que agora non se traslade a outros lugares de Galicia”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar