Novas

luns, 03 de outubro de 2022

O Concello amplía ata finais de outubro na Praza de Armas a exposición de fotografía española contemporánea do festival PhotoESPAÑA

As obras de 12 autores recoñecidos co Premio Nacional de Fotografía estarán expostas ata o próximo 26 de outubro. ‘Tiempo y memoria. Fotografía española contemporánea’ esta comisariada por José María Díaz Maroto e mostra o traballo de Pilar Aymerich, José Manuel Ballester, Juan Manuel Castro Prieto, Toni Catany, Gabriel Cualladó, Alberto García-Alix, Ouka Leele, Chema Madoz, Isabel Muñoz, Pablo Pérez Mínguez, Rafael Sanz Lobato e Alberto Schommer. Foi inaugurada a comezos de setembro polo alcalde, Ángel Mato, e a directora de PhotoEspaña, Claude Bussac


O Concello amplía ata finais de outubro na Praza de Armas a exposición de fotografía española contemporánea do festival PhotoESPAÑA

O Concello de Ferrol amplía ata o 26 de outubro o tempo que estará exposta na Praza de Armas a mostra fotográfica ‘Tiempo y memoria. Fotografía española contemporánea’, a primeira que desembarca na cidade da man do prestixioso Festival PhotoESPAÑA. Inicialmente a súa clausura estaba fixada para o 15 de outubro. 


O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a directora de PhotoESPAÑA, Claude Bussac, inauguraron a comezos de setembro a mostra, que chega á cidade precisamente no ano no que a entidade cumpre 25 edicións. Deste xeito a cidade de Ferrol súmase por primeira vez á programación de PhotoESPAÑA cunha selección de autores que na actualidade ostentan o Premio Nacional de Fotografía, instaurado polo Ministerio de Cultura e Deporte en 1994. 

Continúa a dinamización da cidade 
Co fin de sumar accións que dinamicen a cidade e estimulen a actividade comercial e hostaleira, o Concello de Ferrol instalou en pleno corazón da cidade unha selección das obras máis representativas de 12 autores galardoados con dito premio. A exposición está comisariada por José María Díaz Maroto e conta con fotografías de Pilar Aymerich, José Manuel Ballester, Juan Manuel Castro Prieto, Toni Catany, Gabriel Cualladó, Alberto García-Alix, Ouka Leele, Chema Madoz, Isabel Muñoz, Pablo Pérez Mínguez, Rafael Sanz Lobato e Alberto Schommer. Nesta mostra, a importancia e influencia dos autores esténdese sen fronteiras cunha visión heteroxénea onde conviven con equilibrio os diversos xéneros que ofrece a fotografía das últimas décadas. A paisaxe, a reportaxe, a abstracción, a fantasía, a ironía e a provocación combínanse con técnicas e formatos percorrendo máis de medio século de creación fotográfica.

Fotografía documental, mundo mariño, fantasía e contrastes, entre outros toques 
A exposición ‘Tiempo y memoria. Fotografía española contemporánea’ ofrece a oportunidade de gozar de moi diferentes aproximacións á fotografía da man de grandes autores: desde a fotografía de corte mais documental na mirada de Rafael Sanz Lobato e Pilar Aymerich; as fantasías e poemas visuais de Tony Catany, Chema Madoz e Isabel Muñoz —no seu traballo máis recente sobre o universo mariño—; a fotografía case pictórica de autores como Ouka Leele, José Manuel Ballester e Pablo Pérez Mínguez; ou a potencia dos brancos e negros noutros como Juan Manuel Castro Prieto, Alberto García-Alix, Gabriel Cualladó e Alberto Schommer. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar