Novas

xoves, 24 de novembro de 2022

O Concello atenderá a proposta da veciñanza de Ferrol Vello para incrementar as prazas de estacionamento en Breogán

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, confirmoulles onte aos asistentes a unha reunión no centro cívico que xa se está tramitando a petición da entidade veciñal de converter a rúa en vía de sentido único para que se poida aparcar en batería


O Concello atenderá a proposta da veciñanza de Ferrol Vello para incrementar as prazas de estacionamento en Breogán

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, participou onte nunha xuntanza no centro cívico de Ferrol Vello na que explicou ás veciñas e aos veciños asistentes as medidas que contempla o Concello respecto do estacionamento na avenida de Breogán. O edil avanzou que o Concello está traballando na proposta que lle trasladou a asociación veciñal do barrio, que consistía en converter a rúa nunha vía de sentido único para configurar en batería as prazas de aparcamento. A falta de que se completen os informes e a tramitación pertinente, calcúlase que esa medida serviría para incrementar en arredor de 50 o número de prazas. 


O encontro serviu tamén para que Reina explicase diversos aspectos das obras de reurbanización que proximamente se van iniciar en San Francisco. O concelleiro atendeu as preguntas dos presentes e indicou, entre outras cuestións, que o motivo de transformar este tipo de rúas para que sexan de plataforma única é que dese xeito cumpren os parámetros de mobilidade e accesibilidade. Na actualidade, as beirarrúas non dispoñen en moitos puntos do espazo suficiente para o paso de persoas con mobilidade reducida, pero coa reurbanización eliminaranse as barreiras arquitectónicas. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar