Novas

mércores, 14 de decembro de 2022

O alcalde entrega os premios aos escolares gañadores dos concursos creativos sobre o patrimonio histórico da cidade

Ambos certames —de TicTok e postais— forman parte do programa de actividades deseñado polo Concello para divulgar nas escolas a candidatura ferrolá, no que participaron arredor de 700 nenos de Ferrol. Tamén se celebraron charlas divulgativas nas aulas e visitas guiadas. Ángel Mato recibiu hoxe aos estudantes para agradecerlles o seu “esforzo e traballo” e anunciar que a postal gañadora será a que ilustre a felicitación institucional de Nadal do Concello


O alcalde entrega os premios aos escolares gañadores dos concursos creativos sobre o patrimonio histórico da cidade

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no pazo municipal aos gañadores dos dous concursos creativos —de TikTok e de postais— sobre o patrimonio histórico da cidade incluídos no programa de actividades deseñado polo Concello para divulgar nas escolas a candidatura de Ferrol a patrimonio mundial. Foron catro as actividades desenvolvidas durante o mes de novembro —ademais dos certames, charlas divulgativas nas aulas e visitas guiadas ao patrimonio da cidade— co fin de dar a coñecer entre a poboación máis nova a candidatura ferrolá e os bens que a integran. En total, participaron nesta iniciativa arredor de 700 estudantes a través da ducia de colexios que quixeron participar. 


Mato, acompañado pola concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, agradeceulles o seu “esforzo e traballo” e anunciou que a postal gañadora será a que ilustre a felicitación institucional de Nadal do Concello, que consiste nunha colorida imaxe da fachada do porto de Ferrol, obra da gañadora da categoría de 5º de primaria, Sofía Fernández (colexio San Rosendo). O rexedor interesouse polas opinións dos escolares sobre o programa de actividades do Concello e implicoulles na defensa e divulgación da cidade. “Entre todos podemos dar a coñecer Ferrol e mostrar a súa mellor cara”, apuntou. “Esta cidade tamén é vosa e debemos sentirnos orgullosos dela”. 

O alcalde entregou unha tablet como premio á gañadora do vídeo de TikTok sobre o patrimonio da cidade, Sofía Gilabert (colexio Cristo Rey), quen acudiu acompañada dos seus compañeiros involucrados na gravación. Pola súa banda, os escolares gañadores do concurso de postais recibiron un libro electrónico: Alicia Pérez (Cristo Rey) na categoría de 4º primaria; Sofía Fernández (San Rosendo), na de 5º primaria; e Manuela Baeza (Cristo Rey), na categoría de 6º de primaria.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar