martes, 24 de xaneiro de 2023
O goberno local ultima os trámites do convenio con Defensa co fin de elevalo a pleno o próximo mes
Ángel Mato reuniuse en Madrid con responsables do Invied para analizar os derradeiros pasos que debe dar o expediente. O alcalde explicou que xa está lista a resolución das alegacións ao proxecto de equidistribución do cuartel Sánchez Aguilera

O goberno local prepara os derradeiros trámites para elevar a pleno o convenio entre o Concello de Ferrol e o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (Invied), un paso que se podería materializar o próximo mes, segundo explicou o alcalde, Ángel Mato, tras reunirse o pasado venres en Madrid co director xerente do Invied, o xeneral de brigada Sebastián Marcos Morata, e o subdirector xeral de Técnica e de Alleamentos do mesmo organismo, o coronel Mario Talavera Iniesta. O antedito convenio, asinado o 25 de marzo do 2015 polo entón alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o entón director xerente do Invied, Fernando Villayandre, debe ser sometido á ratificación da corporación municipal, xa que no seu momento quedaron varios trámites pendentes para que se dera por pechado definitivamente. Mato explicou que se trata do mesmo documento, xa que o actual goberno local decidiu recuperalo sen cambiarlle “nin un punto nin unha coma”.