Novas

martes, 01 de agosto de 2023

O Concello de Ferrol e as asociacións de hostaleiros e comerciantes únense para dinamizar o centro da cidade con música


O Concello de Ferrol e as asociacións de hostaleiros e comerciantes únense para dinamizar o centro da cidade con música

O concelleiro de Marca Ferrol, Arán López, acompañado do presidente da Asociación de Hostaleiros, Emilio Vázquez, e do presidente do Centro Comercial Aberto A Magdalena, Olegario Álvarez, presentaron hoxe unha serie de concertos que se celebrarán nas rúas de Ferrol a partir desta tarde. Trátase dunha iniciativa promovida polos comerciantes e hostaleiros do centro da cidade na que colabora o Concello de Ferrol. “En total son 25 concertos dos que poderemos gozar dende hoxe a ata o 31 de agosto en diferentes rúas do centro da cidade”, informou o edil ferrolán.

A finalidade é clara, sinalou o concelleiro, “que os eventos e actividades que se desenvolvan na nosa cidade se fagan colaborando e de maneira conxunta, apoiándonos para resaltar a imaxe da cidade. Non é un traballo que poida facer só un departamento ou unha entidade, é un traballo que temos que facer xuntos”. “Esta será a filosofía da Marca Ferrol”, asegurou Arán López.

En canto ás actuacións, o cantante Moss será o encargado de abrirlas esta tarde na rúa Dolores. E mañá actuarán Los Eternos, na rúa Magdalena, e The Rock Legend na rúa Real.

O xoves 4 DLO na rúa Magdalena, o vernes 5 Cabuxa Blue na mesma rúa. O martes 8, Tania na rúa Dolores, o mércores 9 dobre actuación con Anabel Alegre e Foli Lamas na rúa Magdalena e Nuevo Plan na Real, o xoves 10 Zest na rúa Magdalena, onde tamén actuará A Pelo, tributo a Platero y yo.

O martes 15 Susana Adalid tocará na rúa Dolores, Quant e Superglú farano o mércores 16 na rúa Magdalena e na Real respectivamente, mentres que o protagonista do xoves 17 será Tiquismiquis na rúa Magdalena. Lourés Blues Band encargaranse de pechar a semana tamén na rúa Magdalena.

O martes 22 Bea García levará a súa música á rúa Dolores, o mércores 23 será Dévalo, na rúa Magdalena, na mesma rúa na que o xoves 24 estarán Malditos Pendejos.

Irene Amador actuará na rúa Dolores o martes día 29, Coke Couto farao o mércores 30 na rúa Magdalena e Baluarte pechará este ciclo o xoves 31 nesta rúa.

Na rúa Pardo Baixo actuarán durante tres sábados do mes de agosto: o día 5 farao Lunicos, o día 12 Mercado de Rosen e o 19 Tacón Gitano. E na rúa Alegre en Canido o sábado 12 haberá tamén unha actuación.

O presidente do Centro Comercial Aberto afirmou que “os comerciantes estamos comprometidos coa dinamización das rúas, adornaremos os escaparates e fachadas dos comercios e para incentivar as compras faremos tamén sorteos de agasallos”. Ademais, o sábado 26 farán o tradicional mercadillo.

Pola súa parte Emilio Vázquez da Asociación de Hostaleiros deu as grazas ao concello por este tipo de colaboración, “O Concello, os hostaleiros e os comerciantes temos que ir da man, especialmente nestas datas que para nós supón un revulsivo e potenciar tamén a Marca Ferrol”. Confiamos, ademais, no éxito das festas, xa que “a xente ten ganas de saír e gozar dos concertos”.

Todas estas actividades musicais realizaranse na vía pública dende as 20:00 horas e ata as 23:00 horas, para permitir tamén o descanso en todo momento dos veciños. “Esta é unha forma de potenciar a Marca Ferrol, queremos dinamizar as rúas da cidade, enchelas de xente aproveitando o bo tempo e as vacacións para que veñan e gocen da música, da hostalería e merquen no noso comercio”, concluíu o concelleiro Arán López.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar