venres, 01 de setembro de 2023
O Baxi enfróntase ao Benfica de Lisboa no XXIII Trofeo Cidade de Ferrol
´Queremos que o pavillón de A Malata se encha de ferroláns para animar ao Baxi´, desexou o concelleiro de Deportes

Comeza a temporada deportiva e os primeiros trofeos para os equipos da nosa cidade. Así, o domingo, día 10 de setembro, o Baxi Ferrol xogará contra o Benfica de Lisboa no XXIII Trofeo Cidade de Ferrol. “Queremos que o pavillón de A Malata se encha de ferroláns para animar ao Baxi”, desexou o concelleiro de Deportes, Ricardo Aldrey.
Este encontro, que se disputará a partir das 12.00 horas, servirá, ademais, para a presentación oficial do Baxi Ferrol nas instalacións municipais da Malata nesta temporada do seu regreso á Liga Endesa. “O Baxi estrea cinco incorporacións no primer equipo as norteamericanas Rachel Howard e Myah Selland, a checa Julie Pospisilova, a finlandesa Anniina Aijanen, que xa militou no Baxi, e a catalana Gala Mestres”, adiantou o presidente do Baxi Ferrol, Santi Rey.
Rey agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol, un ano máis, neste trofeo e adiantou que, a partir do martes, poderánse adquirir as entradas no local do clube en Cantón de Molíns nº6 en horario de 12 horas a 15 horas e de 18 horas a 22 horas. O prezo da entrada é de 5 cinco euros para os maiores de 18 anos e de 2 euros para os menores de 18.
Ademais, esperan poder chegar aos 1.500 abonados, “nestes momentos hai 996 que xa renovaron o carné, 202 que aínda non o renovaron e 228 novos, que suman en total 1.024 abonos”. O récord de abonados foi de 1.231, hai dúas temporadas.
Pola súa parte, a xogadora Marta Goméz “manifestou estar moi contenta” e “estamos traballando moito, cos valores que Lino López nos quere transmitir como clube e tamén en aspectos técnicos”. Ademais, revelou que “as novas incorporacións estanse adaptando”.
O Benfica é un dos mellores equipos de Portugal, perdendo a temporada pasada a final de liga por 2-1, mentras que as dúas campañas anteriores proclamouse campión de liga. “É un equipo que xoga competicións europeas na Eurocup Women e cuenta cun cadro de moito nivel, o que servirá para ver o estado da preparación tamén do Baxi” avanzou o concelleiro de Deportes.
O edil de Deportes desexou sorte ao equipo local e “esperamos que o trofeo quede na casa, alí estaremos animando ao Baxi Ferrol e apoiando, como sempre, aos nosos equipos”.