Novas

luns, 04 de setembro de 2023

O Concello recupera o servizo de comedores sénior coa reapertura no centro Río Xubia

A partir do martes, día 5, quedará aberta a inscrición para as 20 prazas iniciais


O Concello recupera o servizo de comedores sénior coa reapertura no centro Río Xubia

A Xunta de Goberno local deu esta mañá luz verde a outras dúas medidas para dar resposta á necesidade de servizos na cidade. Tal e como deu conta o alcalde, José Manuel Rey Varela, os acordos aprobados na sesión corresponden á reapertura dos comerdores sénior e ao mantemento de viais.

O primeiro punto, indicou Rey Varela, “supón a posta en marcha de novo dos comedores para maiores na cidade, de forma progresiva”, e que comezará de xeito inmediato polo comedor de Río Xubia, con 20 prazas. “Desde mañá, martes, abriremos o prazo para apuntarse”, anunciou o rexedor. “En lugar de pechar servizos públicos, abrímolos”, aseverou o alcalde para, a continuación, remarcar que “a consecuencia de ter pechados tres anos os comedores senior ocasiona que teñamos que comezar de cero o programa”.

Escollimos o Centro de Persoas Maiores de Río Xubia porque foi o primeiro comedor que abriu en Ferrol, e que a partir de aí comezara a adquirirse unha dinámica que xerou a apertura dos demais comedores polas diferentes corporacións”, dixo Rey Varela, quen recordou que nos últimos anos se pecharon os cinco comedores existentes. “Con esta apertura pretendemos volver a a xerar unha dinámica para poder ir abrindo os demais comedores e poder combater a soidade non desexada”.

A medida terá un custe de 15.495 euros e as solicitudes seguirán unha rigorosa orde de inscrición. Entre os requisitos priorizarase -sempre que sexa necesario polo número de usuarios- o estar empadroado en Ferrol (antigüidade mínima de seis meses); ter cumpridos os 65 anos; vivir só ou ter unha renda anual igual ou inferior aos 18.000 euros.


Mantemento de viais

Por outra banda, a Xunta de Goberno local acordou a prórroga para o mantemento de infraestruturas.

Segundo explicou o rexedor, “durante un ano o Concello seguirá dispoñendo dun servizo para dar resposta ás necesidades da cidade de arranxo de beirarrúas ou fochancas, mentres preparamos o novo servizo”.

No capítulo económico, Rey Varela indicou que este servizo contará con 900.000 euros, desglosados en 250.000 euros para o ano 2023, de setembro a decembro, e 650.000 euros para o ano 2024, de xaneiro a setembro.Ademais, o alcalde avanzou que “o departamento de servizos está a traballar nun novo prego para evitar a situación actual xeralizada de servizos sen contrato”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar