Novas

luns, 04 de setembro de 2023

O Goberno local fai un balance "moi bo" das festas de verán

O alcalde valorou a afluencia de público ós concertos, o ambiente nas rúas, os servizos habilitados e os óptimos resultados da hostalería


O Goberno local fai un balance "moi bo" das festas de verán

O Goberno local calificou de “moi positivo” o balance inicial das recén rematadas festas de verán de Ferrol. Así o trasladou o alcalde, José Manuel Rey Varela, tras a Xunta de Goberno desta mañá, na que se detallaron os recursos e a afluencia estimada de xente á cidade durante os días que centraron os festexos, principalmente na segunda quincena de agosto, aínda que “logramos unha programación para todo o mes co obxectivo de dinamizar Ferrol”, valorou o rexedor.

No resumo exposo polo primeiro edil destacou a habilitación na praza de Armas dun Punto Violeta, un hospital de campaña, unha ambulancia, así como vehículos de apoio dos corpos de seguridade xunto aos medios sanitarios necesarios.

Tamén significou os dispositivos especiais de tráfico tanto para os concertos no centro da cidade como para os fogos de San Ramón, na zona portuaria e A Malata.

Os máis multitudinarios

Rey Varela destacou que o concerto de Camela, o martes, día 29, “congregou a mais de 6.500 persoas en Armas, e moitas máis no conxunto do barrio de A Magdalena”. “O xoves 31 -continuou o alcalde- os Fogos de San Ramón e a Orquesta Olympus tiveron unha asistencia moi superior ás 5.000 persoas no Porto e en Ferrol Vello”. De feito, só no recinto habilitado para a actuación da orquestra, se superaron as 4.000 persoas, segundo a estimación dos corpos de seguridade.

Seguridade

Os membros do Goberno local reunidos esta mañá tamén significaron os bos resultados da instalación do Posto de Mando Avanzado nos concertos de Camela e para os Fogos de San Ramón, no que todos os axentes mencionados estiveron activos na coordinación do operativo previsto.

Para ambos días realizouse unha ampliación dos medios de seguridade de Policía Local e do dispositivo de seguridade sanitaria.

Rey Varela destacou que non houbo incidencias reseñables, máis alá das habituais neste tipo de citas multitudinarias.

Puntos violeta

No transcurso dos festexos habilitáronse varios puntos violeta, isto é, os espazos de atención, información e axuda a vítimas de calquera agresión sexista. Concretamente, instaláronse os días 20, 25, 26, 29 e 31. A eles achegáronse 177 persoas, a saber, o 59,5% mulleres, o 28,6% homes, o 7,1% nenas menores e o 4,8% menos menores.

Hostalería

De acordo cos datos recollidos ó respecto, o sector hoteleiro rexistrou unha ocupación superior ó 90 %, e a hostalería acadou “cheo” tanto nas comidas como nas ceas.

Por iso, tras este balance inicial, do que Rey Varela suliñou “o ámbiente na rúa, que estivo chea de xente”, quixo facer pública a “noraboa ao concelleiro de Festas e ao resto dos membros do Goberno polo traballo realizado, co pouco tempo que tivemos e as limitacións orzamentarias que nos atopamos”.

Asimesmo, o alcalde tivo un agradecemento nomeado para os funcionarios municipais, Policía Local, bombeiros, Protección Civil, a Coordinación de Seguridade, Policía Nacional; e tamén a asociación de hostelería, ACOF, e ós colectivos Alvixe e Patronato Concepción Arenal.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar