Novas

mércores, 06 de setembro de 2023

Ferrol estará presente ata o domingo na feira Expocidades na cidade lusa de Valongo

A cita turística, que o ano pasado tivo lugar na urbe naval, conta cun ‘stand’ para promocionar as principais festas ferrolás como a Semana Santa, as Pepitas ou As Meninas


Ferrol estará presente ata o domingo na feira Expocidades na cidade lusa de Valongo

A cidade de Ferrol estará presente desde hoxe e ata o domingo (do 6 ao 10 de setembro) na Feira Expocidades, que se celebra no municipio luso de Valongo. “Ferrol contará cun stand na Feira Expocidades para vender todo o seu potencial turístico e dar a coñecer as nosas principais festas e eventos como a Semana Santa Ferrolá de Interese Turístico Internacional, as Pepitas de Interese Turístico Rexional e as Meninas, ademais da nosa rica gastronomía”, segundo indicou a concelleira de Turismo, Maica García Fraga.

A edil informou que esta participación lévase a cabo coa colaboración da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol e tras varias reunións do Eixo Atlántico no Noroeste Peninsular. “O ano pasado esta feira fíxose na praza de Armas en Ferrol e este ano será en Valongo, cunha informadora turística que se encargará de vender o potencial de Ferrol”, explicou a concelleira.

A feria de turismo das Cidades e Entidades do Eixo Atlántico é un evento que, desde o 2013, promove o turismo de proximidade dos territorios do Eixo Atlántico, aproximando Galicia e Norte de Portugal.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar