luns, 11 de setembro de 2023
O Concello reactivará as obras de rehabilitación de edificios residenciais da praza de España
A Xunta de Goberno local celebrada hoxe tamén acordou desistir do proceso de licitación das obras de renovación do chan do pavillón do CEIP Manuel Masdías como paso previo á nova licitación que se aprobará nos vindeiros días

A Xunta de Goberno local celebrada esta mañá acordou levantar a suspensión da obra de rehabilitación de edificios residenciais praza de España 23-25 do barrio de Recimil. Na rolda de prensa posterior á reunión, o alcalde da cidade, José Manuel Rey, explicou que en anteriores xuntas tiveron que decretar a súa suspensión á espera de elaborar o anexo do Plan de Seguridade e Saúde. “Hoxe aprobamos dito trámite e, polo tanto, aprobamos tamén o levantamento de dita suspensión e a reanudación da obra”, afirmou Rey Varela.
O rexedor lembrou que se trata dunha actuación que conta con fondos europeos e “non se pode perder ese financiamento”. A obra ten que estar rematada este ano “e niso levamos traballando desde que chegamos ao goberno e nos enteramos da situación”.
Desestimento CEIP Manuel Masdías
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén acordou desistir do proceso de licitación das obras de renovación superficial do chan do pavillón do CEIP Manuel Masdías. “Este paso é obrigatorio para poder volver licitar esta obra e sobre este asunto deuse conta con total transparencia o mércores pasado na comisión de urbanismo”, apuntou o alcalde, que lembrou que este proceso de adxudicación se iniciou o pasado mes de marzo.
“A esa licitación se presentaron 11 empresas das cales dúas incurriron en baixa temeraria. Unha delas presentou alegacións á súa exclusión e ditas alegacións detectan unha discrepancia nos pregos elaborados. Tras ser detectada, pediuse un informe xurídico que estima que o mellor é desistir do procedemento e realizar unha nova licitación subsanando esta discrepancia”, explicou Rey Varela. A previsión do Goberno local é que nos vindeiros días se poida aprobar de novo a licitación dun contrato cun custo de 99.531,91 euros e un prazo de execución de catro meses.
Declaración de emerxencia no número 4 de San Francisco
A XGL aprobou tamén a declaración de emerxencia para a realización das obras de execución subsidiaria en San Francisco, número 4, cun importe de 185.000 euros e adxudicadas á empresa Prosema. “Unha das prioridades deste goberno é que a obra estea rematada en decemebro deste ano, e por iso estamos poñendo todos os recursos da Administración para conseguir este obxectivo”, manifestou o rexedor.
Mediante este procedemento, acúrtanse os prazos para poder realizar a execución subsidiaria e así, “non perder un tempo que é esencial”. Rey Varela engadiu que “hoxe lle entreguei aos voceiros municipais o informe do mes de marzo da arqueóloga municipal, sen nada que ocultar e con total transparencia”.
O alcalde lamentou a situación na que o goberno atopou estas obras. “A proposta do Servizo de Arqueoloxía Municipal de marzo di que hai que ampliar a zona de excavación e documentar os restos. Patrimonio o autorizou pero non se fixo nada en tres meses porque o servizo de arqueoloxía municipal carece dos medios para eses traballos tan especializados”, afirmou Rey Varela. “Por iso, contratouse un servizo arqueolóxico especializado e cos medios necesarios autorizado por Patrimonio o 4 de agosto”, engadiu. O estudo arroxa que no sector A existe unha instalación da época e no B, estruturas compatibles coa Porta do Castro e unha rampa portuaria.
O estudo remitiuse a Patrimonio, que determinou que se autorizaba a continuación da obra coa condición de conservar in situ cubertas con geotextil e protexidas cunha camada de áridos de grao fino antes de proceder ao seu tapado co arqueólogo presente.
“Honramos o noso pasado conservando os restos atopados, pensamos no presente, rematando unha obra como piden os veciños, comerciantes e hosteleiros e así non perder máis axudas e fondos, e traballamos polo futuro iniciando unha rolda de contactos para ver que actuación poderemos realizar de cara a poñer en valor eses vestixios”, concluíu Rey Varela.