luns, 11 de setembro de 2023
O Parrulo e o Real Betis disputarán o Trofeo Cidade de Ferrol
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, presentou a cita xunto ao presidente da entidade deportiva, Julio Martínez, e ao capitán do equipo, Adri Martínez

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, presentou esta mañá o IV Trofeo Cidade de Ferrol que disputará O Parrulo Ferrol e o Real Betis. No acto, tamén participaron o presidente da entidade deportiva, Julio Martínez, e o capitán do equipo, Adri Martínez.
Esta cuarta edición celebrarase o vindeiro 15 de setembro ás 20:15 horas no pavillón da Malata e as entradas estarán dispoñibles unha hora antes do encontro na taquilla. Para o público xeral, a entrada terá un custe de 10 euros para os maiores de 18 anos, de cinco euros para rapaces de 6 a 17 anos e os menores de 5 anos non pagarán. Socios, tres euros.
O rexedor augura unha noite de espectáculo deportivo, habida conta de que o conxunto ferrolán rozou o ascenso a Primeira División na pasada tempada e de que o equipo bético milita na máxima categoría do fútbol sala español. Cabe destacar que o equipo andaluz está dirixido polo ferrolán Bruno García, e nas súas filas conta co tamén ferrolán e ex xogador do Parrulo, Raúl López. Neste sentido, Rey Varela afirmou que “hai razóns máis que suficientes para apoiar ao noso equipo nesta cita previa ao inicio do calendario regular e tamén, por suposto, para dar a benvida á nosa cidade ao Real Betis”.
O alcalde aproveitou a ocasión para desexar a O Parrulo Ferrol o maior dos éxitos na tempada que está por comezar, e na que espera que o equipo “navegue hacia primeira” para que o vindeiro encontro entre estes dous conxuntos se poida producir na Primeira División.