xoves, 14 de setembro de 2023
O Concello de Ferrol colabora coa Fundación Santo Hospital de Caridad achegando 45.000 euros
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente da entidade, Ángel Manuel Lens, asinaron esta mañá un convenio que permitirá financiar o albergue Pardo de Atín

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Fundación Santo Hospital de Caridad, representada polo seu presidente, Ángel Manuel Lens, para colaborar coa atención de transeuntes e persoas sen fogar a través do financiamento do albergue Pardo de Atín. No acto de sinatura tamén estivo presente a concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez.
A Administración local realizará unha contribución económica de 45.000 euros que permitirá manter este servizo de pernocta para as persoas que máis o precisan e que leva en funcionamento desde que se inaugurou o hospital de Caranza (actual Ribera Juan Cardona).
O albergue ofrece as comodidades necesarias para pasar a noite e nel ofrécese o almorzo e a cea, entre outros servizos de primeira necesidade. Todo baixo a xestión e supervisión das relixiosas das Servas de Xesús.
O rexedor valorou positivamente o acordo asinado hoxe, co que “se dignifica a vida dos seus usuarios e se garanten as súas necesidades básicos, como o é durmir baixo teito”.
Rey Varela aproveitou a ocasión para lembrar o destacado traballo que a Fundación Santo Hospital de Caridad desenvolve na cidade “coordinando e potenciando os valores de cooperación e axuda ao próximo”.