venres, 15 de setembro de 2023
Javier Gutiérrez, Los Secretos e Carlos Núñez actuarán este outono en Ferrol
O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, presentou esta mañá a programación cultural para o que resta de mes de setembro e para o último trimestre do ano

O concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, presentou esta mañá a programación cultural para o último trimestre do ano e tamén para o que resta de mes de setembro.
O edil destacou o equilibro alcanzado na configuración do programa, que “contén música nas súas variantes de clásica, pop e folk, e teatro profesional e afeccionado, tanto en galego como en castelán” e fixo fincapé na calidade das propostas en ambas linguas.
Entre as propostas destacadas, Ponte Far destacou os concertos de Los Secretos (o 4 de novembro no Auditorio) e Carlos Núñez (o 17 de decembro no Teatro Jofre) e a actuación de Javier Gutiérrez, protagonizando a obra teatral El Traje, que será a primeira das propostas culturais do calendario con dobre sesión no Teatro Jofre os días 22 e 23 de setembro.
Así mesmo, a programación contempla o desenvolvemento de diversos espectáculos para nenos e público familiar entre os que destacan a maxia coa Gran Gala Galicia Ilusiona o 8 de outubro no Teatro Jofre ou o Circo de las Estrellas o 30 de decembro tamén no Jofre.
Achégase a programación ao completo nesta ligazón.