Novas

luns, 18 de setembro de 2023

O Concello abrirá o luns 25 de setembro o prazo de inscrición nas actividades deportivas para adultos

Ofertaranse un total de 120 prazas en ximnasia de mantemento en Esteiro, A Malata e Caranza e outras 220 para o uso e asistencia a cursos de natación na piscina de Caranza


O Concello abrirá o luns 25 de setembro o prazo de inscrición nas actividades deportivas para adultos

O Concello de Ferrol abrirá o vindeiro luns 25 de setembro o prazo de inscrición nas actividades para adultos que inclúe o programa deportivo para este curso 2023-2024.

A administración local pon a disposición da cidadanía un total de 120 prazas en ximnasia de mantemento e outras 220 para o uso e asistencia a cursos de natación na piscina municipal de Caranza.

Con respecto á ximnasia de mantemento, a piscina de Esteiro acollerá clases os luns, mércores e venres de 10:00 a 11:00 horas (20 prazas) e a de Caranza os mesmos días de 19:00 a 20:00 horas e de 20:00 a 21:00 horas (20 prazas por cada franxa horaria). Así mesmo, A Malata acollerá estas clases os luns, mércores e venres de 19:30 a 20:30 horas e de 20:30 a 21:30 (20 prazas por franxa horaria). Ademais, esta última instalación deportiva tamén albergará ximnasia de mantemento para persoas maiores os mércores e venres de 11:30 a 12:30 horas (20 prazas).

Por outra banda, na piscina municipal de Caranza impartiranse clases de aprendizaxe e de perfeccionamento da natación e estará dispoñible para nado libre.

A actividade de aprendizaxe para adultos serán os luns, mércores e venres de 09:15 a 10:00 horas e de 10:00 a 10:45 horas. Tamén se impartirá os martes e xoves de 09:15 a 10:00 horas e de 10:00 a 10:45 horas. Haberá 10 prazas dispoñibles para cada un destes grupos.

Con respecto ás clases de perfeccionamento, estas terá lugar os luns, mércores e venres de 09:15 a 10:00 horas e de 10:00 a 10:45 horas, e tamén nas mesmas horas os martes e xoves. Neste caso tamén haberá 10 prazas para cada grupo.

Por último, haberá catro franxas horarias dispoñibles para nado libre os luns, mércores e venres: de 08:30 a 09:15 horas (20 prazas), de 09:15 a 10:00 horas (20 prazas), de 10:00 a 10:45 horas (20 prazas) e de 10:45 a 11:30 horas (10 prazas). Os martes e xoves os horarios serán de 09:15 a 10:00 horas, de 10:00 a 10:45 horas e de 10:45 a 11:30 horas.

Solicitudes

As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de recepción ata rematar todas as prazas. Os pagos faranse por domiciliación bancaria e deberá constar na propia folla de inscrición o número de conta bancaria así como presentar fotocopia da mesma. As inscricións para as actividades de ximnasia de mantemento poderán realizarse nas recepcións de Caranza en horario de 09:00 a 13:30 horas e no pavillón da Malata de 08:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, mentres que as de natación deberán formalizarse na recepción de Caranza de 09:00 a 13:30 horas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar