luns, 18 de setembro de 2023
O Goberno de Ferrol rebaixa á metade o custo da axuda no fogar aos beneficiarios que menos recursos teñen
A Xunta de Goberno local celebrada hoxe acordou aprobar o Plan de Continxencia para a mellora do servizo de libre concorrencia

A Xunta de Goberno local celebrada esta mañá acordou, entre outros asuntos, a aprobación do plan de continxencia para a mellora do Servizo de Axuda no Fogar. Tal e como recordou o alcalde, José Manuel Rey Varela, “este era un dos compromisos acordados cos ferroláns para os cen primeiros días de mandato, polo que, subliñou, “a atención das persoas é unha prioridade para este goberno”.
Segundo apuntou o rexedor, “ao longo destes anos este servizo incrementou alarmantemente a lista de agarda, ata chegar aos 677 maoires sen atender cando accedemos ao goberno”, ademais de “estar perdendo un millón de euros ao ano por non executar as horas dispoñibles”. Rey Varela defendeu que “nestes cen días” a lista de agarda “xa comezou a reducirse” e que “neste momento xa non existe ningún dependente de grao tres sen atender”.
O plan contempla a licitación dun novo contrato coa fin de aumentar a calidade do servizo; ofrecer unha maior alternativa de atención e distribuír a complexidade e volume do servizo.
Reducirase así a tarifa, modificando a ordenanza municipal relativa ao serivzo de libre concorrencia para favorecer aos que menos teñen.
Mediante esa modificación, os usuarios que cobran menos de 1,5 veces o IPREM (868 euros mensuais) pasarán a pagar a metade. É dicir, un usuario que nestes momentos pagaba 3,45 euros/hora pasará a pagar 1,73 euros/hora.
Rey Varela valorou que o novo modelo “fará seguimento de cada persoa beneficiaria que permita visibilizar o cumprimento dos proxectos e a calidade do servizo”.
Plan de seguridade en San Francisco, 4
A xunta de goberno local tamén deu luz verde ao plan de seguridade e saúde elaborado para a demolición do número 4 da rúa San Francisco.
A obra, tal e como indicou o alcalde, comezou o pasado venres e permitirá desbloquear a reurbanización do vial. “Atopamos unha obra parada e seguimos traballando e dando novos pasos para que as obras estean rematadas en tempo e forma e non perder os fondos europeos”, incidiu.
Levantamento da suspensión das obras no estadio de A Malata
Por outra parte, aprobouse así mesmo, levantar a suspensión da obra de “reforma e subsanación de patoloxías no estadio de A Malata”. “Unhas obras que cando chegamos tamén estaban paradas e que en xuntas de goberno anteriores tivemos que decretar a súa suspensión”. “Hoxe -informou o alcalde- aprobamos o levantamento de dita suspensión e a reanudación da obra”.
Acopios na rúa Igrexa
A xunta de goberno local tamén autorizou o abono a conta por razón de provisión de materiais á empresa adxudicataria do contrato de obras do proxecto básico e de execución da reurbanización da rúa da Igrexa.
Serán agora un total de 288.152 euros: “Grazas ao modificado realizado por este goberno pasamos dunha proposta de acopios de 680.000 euros a reducir 400.000 euros a provisión de acopios”, aseverou o rexedor, que puxo en valor a medida como “unha xestión eficaz e eficiente dos recursos municipais”.
“Seguiremos avanzando con maior velocidade nesta obra, despois que reduciramos a previsión de finalización de abril a febreiro do próximo ano”, concluíu.