Novas

luns, 05 de febreiro de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba o protocolo administrativo coa Xunta de Galicia para a mellora de instalacións nos CEIPs

‘Establecemos as bases de colaboración administrativa coa Xunta para a mellora de instalacións dos CEIPs, articulando unha serie de principios de actuacións tanto en materia de créditos coma de actividades administrativas a desenvolver’, sinalou o alcalde, José Manuel Rey Varela


A Xunta de Goberno Local aproba o protocolo administrativo coa Xunta de Galicia para a mellora de instalacións nos CEIPs

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, deu conta dos asuntos tratados na XGL. Nela aprobouse o protocolo de colaboración administrativa entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol para a mellora de instalacións dos centros de educación primaria do municipio. “Establecemos as bases de colaboración administrativa coa Xunta de Galicia para a mellora de instalacións dos CEIPs, articulando unha serie de principios de actuacións tanto en materia de créditos coma de actividades administrativas a desenvolver”, avanzou.

A colaboración entre administracións é fundamental, insistiu unha vez máis Rey Varela, ao tempo que recordou que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten por obxectivo garantir un sistema educativo de calidade, inclusivo, equitativo e orientado ao pleno desenvolvemento de todas as persoas, fomentando a colaboración e coordinación con outras entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de plans e accións formativas na dimensión social da educación. Pola súa banda, o Concello de Ferrol encárgase da conservación, o mantemento e a vixilancia dos edificios destinados a centros públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación especial. “Cada administración ten clara a súa responsabilidade e a súas competencias”, manifestou.

O deporte, á par de constituír de por si un instrumento para a práctica de actividade física, é fonte de diversión, saúde e benestar e contribúe tamén á formación e educación integral da persoa”, confirmou. Ademais xoga un importante papel no desenvolvemento da personalidade, fomentando valores como o esforzo persoal, traballo en equipo, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, respecto ao adversario...

Os nenos e nenas empregan as instalacións dos centros para a actividade lectiva de educación física, para actividades extraescolares e deportivas a través dos clubes deportivos.

Por iso, “Xunta e Concello consideramos de interese público unir esforzos para a participación e apoio nas accións obxecto deste protocolo, co obxectivo de impulsar as actuacións de mellora das instalacións coa finalidade de acadar o nivel requirido para satisfacer as necesidades do alumnado”.

Ambas administracións manifestan, a través deste protocolo, o compromiso de colaborar na mellora das instalacións nos seguintes 10 centros: CEIP de Pazos, CEIP Plurilingüe A Laxe, CEIP Plurilingüe San Xoan de Filgueira, CEIP Almirante Juan de Lángara y Huarte, CEIP Cruceiro de Canido, CEIP Plurilingüe Ángela Ruiz Robles, CEIP de Ponzos, CEIP Esteiro, CEIP Isaac Peral e CEIP Ledicia.

O Concello de Ferrol comprométese a aportar os instrumentos xurídicos necesarios para licitar, dirixir, executar, controlar e recibir as obras segundo a documentación técnica pertinente e os correspondentes proxectos técnicos, así como levar a cabo o mantemento e conservación das infraestruturas obxecto deste acordo unha vez que os centros sexan remodelados.


E a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación Formación profesional e Universidades comprométese a colaborar economicamente co Concello na financiación dos proxectos polo importe máximo de 500.000 euros dun orzamento de execución previsto de aproximadamente un millón de euros.



Acordouse tamén a creación dunha comisión de seguimento, integrada por un representante de cada institución implicada neste proxecto, que terá como obxectivo supervisar a consecución dos acordos establecidos neste protocolo de colaboración administrativa”.

O presente protocolo de colaboración administrativa estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2026.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar