Novas

luns, 05 de febreiro de 2024

O Concello de Ferrol aumenta 15 prazas máis o programa Xantar na Casa

En total o programa oferta 85 prazas debido ao incremento da demanda


O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, indicou que outro dos temas aprobados en XGL foi a addenda ao Convenio de colaboración administrativa entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Ferrol para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa. “Os nosos maiores merecen toda a nosa atención, debemos axudalos e ofrecerlles os servizos que precisan”, asegurou.

Rey Varela recordou que Concello de Ferrol firmou no 2012, co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa. Trátase dun servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores e/ou dependentes, que non poden valerse por si mesmas, para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.

En outubro de 2021 ambas administracións asinaron un novo convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa Xantar na Casa do Concello de Ferrol, cunha duración inicial de catro anos, e posibilidade de prórroga por un período de ata cuatro anos adicionais. A cláusula terceira do convenio establecía un número máximo de 45 persoas usuarias.

Houbo unha primeira addenda, en outubro do 2021, para chegar ás 55 persoas beneficiarias. A principios do 2023 solicitouse un novo incremento ata as 70 prazas e agora outra addenda máis. “Agora 15 maiores máis poderán beneficiarse de Xantar na casa, en total son 85”.

O prezo do menú/día é de 6,60 euros, por dúas anualidades con posibilidade de prórroga por outros dous máis, do que o Concello de Ferrol achega o 26,27%. O incremento das 15 novas prazas suporá unha aportación municipal de 6.812 euros dun total de 42.298,03 euros, para a anualidade do 2024.

Rey Varela recordou que se trata tamén dun programa complementario aos comedores sénior. “Os nosos maiores poden elixir entre Xantar na casa ou asistir ao comedor sénior de Río Xubia, que reabrimos o pasado mes de setembro, ao que se irán sumando os outros en San Pablo e Caranza dun total de cinco que temos”, afirmou. Un servizo co que se trata de evitar a soidade non desexada e que se suma ao programa de actividades previsto para as persoas maiores dende a área de Política Social.

PROGRAMA INSERTA

O alcalde de Ferrol afirmou que “a integración das personas con discapacidade é unha cuestión de carácter transversal que debe estar presente en todas as nosas accións”.

Por iso, tamén a XGL aprobou o convenio marco de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Asociación Inserta Empleo da Fundación Once para o desenvolvemento de actividades que favorezan a inclusión laboral de persoas con discapacidade. “Dende o Concello realizamos unha política activa de fomento do emprego das persoas con discapacidade, a través de programas de formación, orientación e intermediación laboral, esta é a nosa responsabilidade como administración”, indicou o rexedor.

E nesta liña traballa Inserta Empleo, asociación sen ánimo de lucro pertencente á Fundación ONCE, cuxos fins sociais son, entre outros, o impulso da loita contra a discriminación e a promoción da igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade para a súa inclusión social, especialmente a través do acceso, o mantemento e a promoción para o emprego. “Unimos esforzos con Inserta Empleo para o desenvolvemento de accións tendentes á promoción da inclusión social e laboral das persoas con discapacidade; a mellora da súa empregabilidade mediante o asesoramento e a formación adecuada”, ademais de traballar na sensibilización na necesidade de integrar socialmente ás persoas con discapacidade, revelou o alcalde.

O convenio contempla no seu ámbito de actuación o desenvolvemento de accións de difusión do labor desenvolvido polas entidades asinantes do Convenio; a promoción da formación das persoas con discapacidade do municipio; a colaboración co tecido asociativo do ámbito da discapacidade e deseño conxunto e execución de accións específicas para mozas e mozos con discapacidade, coa finalidade de impulsar a súa incorporación no mercado laboral e concienciar ao tecido empresarial, entre outras.

Establecerase, ademais, unha comisión de seguimento para o cumprimento do aprobado a través deste convenio, que non precisa a asunción de compromisos económicos polas partes. “É unha aposta decidida pola integración social e laboral das persoas con discapacidade”, concluíu Rey Varela.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar