Novas

martes, 06 de febreiro de 2024

O Concello de Ferrol presenta as actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

As concelleiras de Igualdade e Educación, Elvira Miramontes e Patricia Cons, respectivamente, aludiron á importancia de levar a cabo accións que contribúan á igualdade entre os xéneros


O Concello de Ferrol presenta as actividades con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia

A concelleira de Igualdade, Elvira Miramontes, e a concelleira de Educación, Patricia Cons presentaron hoxe a programación que o Concello de Ferrol realizará en torno ao Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, en colaboración con Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT Galicia), entidade que estivo representada pola súa presidenta-fundadora, Ana Jesús López Díaz.

Ambas concelleiras destacaron a importancia de levar a cabo accións que contribúan á igualdade entre os xéneros e ao establecemento dunha orientación profesional libre de estereotipos de xénero. Así mesmo, puxeron de manifesto a importancia de traballar de xeito transversal entre os diferentes departamentos municipais en beneficio da cidadanía, tal e como sucede con esta programación.

A primeira das iniciativas enmarcadas nesta programación tivo lugar esta mesma mañá nas instalacións do CIS en A Cabana, onde alumnos e alumnas de terceiro ciclo de Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional asistiron a un espectáculo organizado pola Axencia Galega de Innovación centrado na importancia das mulleres científicas e tecnólogas ao longo da historia.

O relatorio, conducido polos divulgadores Iria Ollero e David Ballesteros, permitiulles aproximarse dun xeito atractivo a grandes mulleres que fixeron importantes achegas científicas e que non obtiveron o recoñecemento social que merecían. Entre os nomes estudados figuran o de Hipatia de Alejandría, a primeira gran matemática da que se ten constancia, África González, inmunóloga galega de gran prestixio a nivel mundial, Marie Curie, persoa fundamental na historia da ciencia, ou Rosalind Frnaklin, que morreu sen que se recoñecera a importancia das súas achegas na comprensión da estrutura do ADN.

Durante a actividade, combináronse datos biográficos e anécdotas vitais con experimentos rechamantes inspirados nas científicas presentadas, facendo que a proposta fose apta para todos, independemente dos seus coñecementos previos.

As concelleiras tamén informaron sobre o programa Unha científica visita o noso cole, en colaboración con AMIT Galicia. Está dirixida a alumnado de segundo ciclo de primaria dos colexios públicos da cidade e servirá para visibilizar o papel das mulleres nos diferentes ámbitos científicos e tecnolóxicos, así como contribuír a crear referentes para que as nenas se acheguen á ciencia.

As mulleres que ofrecerán charlas aos nenos e nenas nos diferentes colexios serán a doutora pola Universidade da Coruña no Programa de Ciencias Sociosanitarias, María Jesús Movilla Fernández,que falará sobre A muller como enfermeira e científica; a doutora pola Universidade da Coruña no programa de Enxeñería Naval e Industrial, Lucía Santiago Caamaño, co relatorio A enxeñaría naval tamén é cousa de chicas; a doutora en Dereito, Asunción López Arranz, coa poñencia sobre Muller xurista, compromiso coa igualdade; a doutora pola Universidade da Coruña no programa de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros, Ana Ares Pernas, coa charla Deseñadoras do futuro: plásticos e impresión 3D; a enxeñeira industrial, Laura Castro Santos, que falará sobre A enerxía das mulleres; a enxeñeira naval e o oceánica pola Universidade da Coruña, Laura Alonso García con Aventuras no mar; a súa ciencia e as súas científicas; e a doutora en Física e coordinadora de AMIT Galicia, que tamén participou na rolda de prensa, Ana Jesús López Díaz, que impartirá unha charla sobre Mulleres facendo ciencia con láseres.

Esta última destacou a importancia de impartir charlas nos diferentes colexios “para visibilizar o labor das mulleres científicas”, uns relatorios nos que o alumnado adoita participar de xeito moi activo”, xa que saen da rutina lectiva e sérvelles como motivación.

Elvira Miramontes, Patricia Cons e Ana Jesús López Díaz amosaron a súa vontade de establecer futuras colaboracións entre a Administración local e AMIT Galicia.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar