Novas

mércores, 07 de febreiro de 2024

Comparsas, filloeira e festas temáticas na programación de Entroido de Ferrol

O concelleiro de Festas, Arán López, presentou hoxe o cartel e destacou a colaboración coa agrupación de comparsas e a AVV de Ultramar na configuración da axenda de actos


Comparsas, filloeira e festas temáticas na programación de Entroido de Ferrol

O concelleiro de Festas, Arán López, presentou esta mañá o cartel e a programación configurada polo Concello de Ferrol para o Entroido 2024, que se celebrará o domingo 11, luns 12 e venres 16 de febreiro con diversas actividades e propostas para todos os públicos.

Fíxoo acompañado da representante da agrupación de comparsas, Coté Aneiros, e da presidenta da AVV de Ultramar, Natalia Ares. O edil quixo agradecer o “constante apoio, comunicación e axuda que tivemos no Concello con estas dúas entidades para programar as festas en consenso co único obxectivo de que a cidadanía goce ao máximo posible desta festividade”.

Os festexos comezarán o domingo cunha festa infantil de temática circense na praza de Armas, en horario de 17:00 a 20:00 horas. “Haberá glitter bar, obradoiros de galletas, maquillaxe, chapas e antefaces; xogos populares, Cantabaila, photocall, camas elásticas, larpeiradas e máquina de flocos de millo”, adiantou.

O luns a praza de Armas volverá ser o epicentro dos festexos no día grande do Entroido. De 12:00 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 horas, ou ata agotar existencias, haberá filloas de balde. Ás 18:00 horas dará comezo o desfile de 15 comparsas e animación polas rúas do barrio da Magdalena. A comitiva partirá da praza de España con paso polas rúas Real, Méndez Núñez, Arce, praza de Amboage, Dolores e Armas. Tras o pasarrúas, dará comezo a Gala e concurso de Entroido, no que participarán 15 comparsas de Ferrolterra, así como grupos, parellas e persoas a título individual.

O edil destacou que tanto o domingo como o luns o Concello poñerá a disposición da cidadanía un tren turístico.

Como é tradición, o Entroido pecharase o venres 16 na praza de Ultramar. Nesta ocasión, haberá unha festa infantil de 17:00 a 19:30 horas, neste caso con temática de superheroes, na que tamén haberá glitter bar, obradoiros, Cantabaila ou photocall, entre outros. A festa estará seguida polo tradicional pasarrúas polo barrio, con 17 comparsas, a partir das 20:15 horas, que realizarán un percorrido polas rúas Venezuela, Sánchez Calviño, Paraguai, Nova de Caranza, República Arxentina, Venezuela e praza de Ultramar. Estará seguido pola gala de Entroido e o enterro da Sardiña.

Arán López, Coté Aneiros e Natalia Ares animaron á cidadanía a tomar parte nestas festas e a acudir disfrazados ás distintas citas propostas neste Entroido 2024.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar