Novas

mércores, 07 de febreiro de 2024

O Concello de Ferrol insta á cidadanía a extremar a precaución ante a alerta laranxa meteorolóxica prevista nas vindeiras horas

Para este xoves espéranse refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora e fenómenos costeiros con ondas superiores aos cinco metros de altura


O Concello de Ferrol insta á cidadanía a extremar a precaución ante a alerta laranxa meteorolóxica prevista nas vindeiras horas

O Concello de Ferrol fai un chamamento á cidadanía para que extreme as precaucións ante a alerta laranxa meteorolóxica prevista para a xornada de mañá, xoves 8 de febreiro.

Espéranse refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora que comezarán esta medianoite e, segundo a previsión, finalizarán ás 21:00 horas do xoves. Así mesmo, daranse fenómenos costeiros con ondas que superarán os cinco metros de altura.

De cara a manter a seguridade da cidadanía, o Concello tomou unha serie de medidas que contribuirán a este obxectivo. Así, na xornada de mañá quedarán suspendidas todas as actividades culturais, deportivas, recreativas e espectáculos públicos, dependentes da Administración local, que estivesen programadas ao aire libre. Esta medida de peche esténdese en forma de recomendación a todas aquelas instalacións municipais que, polas súas características ou localización, contemplen un risco aumentado.

O Concello tamén procederá á activación do Plan de Emerxencias Municipal en fase de alerta e establecerá un dispositivo específico preventivo dos grupos de intervención da cidade.

RECOMENDACIÓNS PARA A CIDADANÍA

Recoméndase evitar saír da casa e, en caso de non poder seguir esta medida, vixiar no traxecto a posible caída de obxectos e non achegarse a valados ou carteis de anuncios; pechar portas e fiestras e retirar destas últimas e de balcóns todos aqueles obxectos que poidan desprenderse e causar danos.

Cómpre destacar o perigo que supón para as persoas achegarse neste contexto meteorolóxico ás praias, á costa e aos peiraos coa intención de ver as ondas, polo que se solicita á cidadanía que non o faga.

Ante calquera situación de emerxencia que se produza debido a estes fenómenos meteorolóxicos -ou outras causas- os veciños e veciñas poden recorrer aos servizos de emerxencia da cidade.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar