Novas

xoves, 08 de febreiro de 2024

Residentes de Enfermería Familiar e Comunitaria realizan unha rotación nos Servizos Sociais do Concello

Trátase dunha colaboración entre a Administración local e o Sergas mediante a cal estes profesionais poderán coñecer de primeira man as situacións que atende este departamento


Un total de seis residentes de enfermería familiar e comunitaria da Área Sanitaria de Ferrol están a realizar unha rotación nos servizos sociais do Concello de Ferrol coa que se busca potenciar a coordinación do ámbito social e sanitario.

Grazas a este convenio entre o Concello e o Sergas, estes profesionais adquirirán competencias avanzadas no ámbito familiar e comunitario a través dunha dobre perspectiva: a intervención comunitaria e a atención socio-sanitaria na contorna. Deste xeito búscase que poidan coñecer de primeira man as situacións que atenden os servizos sociais do Concello, así como os proxectos que se están a poñer en marcha na área de Política Social e Inclusión, para o que contarán coa total implicación dos profesionais deste departamento.

O convenio contempla a colaboración no programa Ferrol, cidade amigable coas persoas maiores, a realización de sesións de educación sanitaria a través de charlas de interese a colectivos determinados e tamén ao público en xeral, a visita a entidades sociais de relevancia para esta especialidade e a colaboración coa formación do voluntariado da Oficina Municipal de Voluntariado.

Durante a rotación, que comezou en xaneiro e se estenderá ata o 19 de febreiro, os residentes disporán dun colaborador docente que participará na organización, titorización e avaliación da rotación dos especialistas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar