Novas

venres, 09 de febreiro de 2024

Rosa Martínez reúnese co grupo motor de ‘Ferrol, cidade amigable coas persoas maiores’

Un dos obxectivos é establecer vínculos coa Área Sanitaria de Ferrol para dar unha resposta local de fomento do envellecemento activo e de mellora da calidade de vida


Rosa Martínez reúnese co grupo motor de ‘Ferrol, cidade amigable coas persoas maiores’

A concelleira de Política Social e Inclusión, Rosa Martínez, participou hoxe na reunión co grupo motor de Ferrol, cidade amigable coas persoas maiores, un encontro que ten como obxectivo establecer vínculos entre esta denominación e a Área Sanitaria de Ferrol. Por este motivo, asistiron tamén a directora de Enfermería da Área, Isabel Campos Pardo, dúas profesionais da Rede Galega de Promoción da Saúde, as seis residentes de enfermería que están realizando a rotación nos servizos sociais do Concello e a xefa de estudos da docencia destas residentes, María Luisa Fraga.

O programa Ferrol, cidade amigable coas persoas maiores, recolle que a urbe é membro da rede de cidades que comparten os principios e valores de amigabilidade coa idade, e busca dar unha resposta local para fomentar o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, participación e seguridade, para mellorar a calidade de vida a medida que as persoas envellecen.

Neste contexto, o programa de rotación das residentes de Enfermería contribúe á resposta local do Concello para conseguir este obxectivo.

A concelleira lembrou que “é necesario desenvolver intervencións dirixidas a gañar saúde e previr as enfermidades e a discapacidade, sempre coa referencia da contorna onde as persoas desenvolven a súa vida diaria”.

As presentes na reunión abordaron as potenciais intervencións que Ferrol contempla no seu estudo como cidade amigable, xunto coas competencias clínicas avanzadas no ámbito familiar e comunitario recollidas no programa da especialidade dos residentes, ambos axentes valiosos para realizar as intervencións precisas para mellorar a situación actual na urbe naval.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar