Novas

luns, 12 de febreiro de 2024

Fin de semana sen incidencias de relevancia no ocio nocturno da cidade

A Policía Local identificou a un home por portar, presuntamente, unha arma de fogo que ensinou nun local de ocio da rúa Magdalena


A Policía Local de Ferrol desenvolveu unha fin de semana máis o plan especial de ocio nocturno no centro da cidade, no que non rexistrou incidencias de relevancia.

O operativo comezou ás 23:45 horas na praza das Angustias, rúa Pardo Baixo, Cenicero e paseo Pablo Iglesias. O corpo policial destaca a elevada afluencia de persoas a zona a primeira hora da noite, sen que ao longo do operativo se intervise por incidencia algunha. Así mesmo, indican que os locais de ocio están a cumprir coas súas obrigas.

Na intersección das rúas Magdalena e Concepción Arenal, a Policía Local estivo acompañada pola Policía Nacional, e no tramo comprendido ata a rúa Coruña, os axentes rexistraron unha elevada afluencia de persoas, o que non incorreu en nun maior número de incidencias, xa que só se interpuxo unha denuncia a un varón por orinar na vía pública.

Os labores dentro deste plan especial remataron ás 05:50 horas, tras comprobar que todos os locais cesaran xa na súa actividade ou estaban nunha fase avanzada de desaloxo.

IDENTIFICADO POR ARMA DE FOGO

A Policía Local identificou a un home por, presuntamente, portar unha arma de fogo. Un cliente dun establecemento de ocio nocturno da rúa Magdalena alertou vía telefónica de que puido observar nítidamente como un home amosou unha arma de fogo no interior do local, tras o que se puxo esta información en coñecemento da Policía Nacional.

Unha vez persoados os efectivos policiais no lugar no que se atopaba o alertante, este explicoulles que o home esgrimira a arma no contexto dunha discusión con outras persoas, comentando outras dúas persoas versións similares. Tras coñecer a descripción da persoa, a Policía Local localiza ao home no exterior doutro local de ocio da rúa Real. Procedeuse á súa identificación e cacheo non atopando a arma de fogo que se trataba de localizar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar