martes, 01 de outubro de 2024
O Concello de Ferrol renova a colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra para o servizo de intérpretes
A administración local aporta 33.000 euros para este servizo fundamental
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou a sede da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, en Porta Nova, e firmou o convenio de colaboración coa presidenta da entidade, Teresa Gallo, para axudar ao mantemento dun servizo fundamental como é o Servizo de Interpretación de Lingua de Signos (SILS). “Como alcalde de Ferrol síntome moi orgulloso do importante traballo social que realiza o rico tecido social que temos na cidade”, sinalou o rexedor ao tempo que apuntou “aquí temos un exemplo máis coa Asociación de Persoas Xordas, cuxo obxectivo é loitar pola igualdade das persoas xordas, reivindicando a súa diversidade, os seus dereitos e a súa lingua propia”.
A través deste convenio, o Concello de Ferrol aporta 33.000 euros para o servizo de intérprete, un servizo gratuíto para socios/as e non socios/as de toda a comarca, dirixido a persoas xordas, xordocegas ou con outras discapacidades auditivas, e ás súas familias. “Como administración estamos comprometidos coa eliminación das barreiras coas que se atopan diariamente as persoas xordas, proporcionamos así un vehículo de comunicación que favoreza a súa independencia e mellore a súa calidade de vida”, afirmou
Para finalizar, o alcalde insistiu, unha vez máis, “na firme vontade deste goberno municipal de apoiar ás entidades de ámbito social que contribúen á mellora da convivencia dos colectivos cunha especial vulnerabilidade”.