Novas

venres, 29 de novembro de 2024

‘Los polos opuestos’ de Bacelo, petisco gañador do certame Tapéate

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, fixo entrega dos premios do certame gastronómico, que este ano vendeu máis de 16.500 tapas. O segundo e terceiro premio foron para os restaurantes Sinxelo e A Maruxaina, respectivamente, mentres que o premio do público recaeu tamén en Bacelo


‘Los polos opuestos’ de Bacelo, petisco gañador do certame Tapéate

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, xunto á concelleira de Turismo, Maica García, entregou os premios de Tapeáte, na que o primeiro premio foi para a tapa Los polos opuestos, de Bacelo, nunha edición na que se venderon máis de 16.500 tapas, o que supón un incremento de 5.500 con respecto ao ano pasado.

A cifra, facilitada pola Asociación de Hostalería de Ferrol e Comarca, proba que “vivimos unha eclosión do Tapéate, do mesmo xeito que o estamos a ver coa hostalería da cidade”, afirmou Rey Varela. O alcalde agradeceu aos hostaleiros participantes o esforzo realizado e a creatividade amosada nas tapas presentadas, nas que se empregaron productos locais de temporada, así como peixe e marisco da nosa ría.

Pola súa banda, a edila destacou que este é un dos eventos máis destacados da cidade que demostra que “Ferrol é un referente gastronómico e a calidade e o esforzo brillan en cada tapa”.

O xurado profesional encargouse de elixir as tres mellores tapas despois da selección de oito tapas realizadas por alumnos do CIFP Fraga do Eume. Así o resto de gañadores desta edición foron Sinxelo con Buñuelo marino (segundo posto) e A Maruxaina con Tesouro da nosa ría parte 1 (terceiro posto). O premio do público foi tamén para o gañador desta edición: Bacelo con Los polos opuestos. O presidente a Asociación de Hostaleiros, Emilio Vázquez, informou de que só entre os tres restaurantes gañadores venderon máis de 3.300 tapas.

Así mesmo, esta mañá fíxose público o nome dos premiados no sorteo realizado por participar na votación do premio do público, que gañaron unha cea para dúas persoas valorada en 100 euros nos restaurantes Sinxelo, Bacelo e Josefa’s.

Rey Varela felicitou aos premiados e animou á hostalería ferrolá a seguir innovando e sorprendendo coas súas tapas, axudando a dinamizar a cidade a través da gastronomía. “Agardo que o ano que vén poidamos celebrar cifras aínda mellores que as deste ano”, concluíu.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar