Historia

O Ferrol que coñecemos hoxe nace como verdadeiro núcleo urbano a mediados do século XVIII, na centuria dominada polo espírito da Ilustración. É indiscutible que esta cidade ten unha histórica dependencia do sector naval, do sector público e do militar, xa que foi creada por unha R.O. de 1726 como base naval destinada a controlar os intereses marítimos de España.

Ata ese momento, a poboación orixinal estaba asentada no espazo que hoxe ocupa o barrio de Ferrol Vello, nun porto ao abrigo dunha ría especialmente protexida da costa. Esta situación xeográfica logo sería determinante na elección deste lugar como idóneo para o asentamento das factorías navais que posibilitarán o seu desenvolvemento posterior.

A chegada ao poder de funcionariado eficaz e ministros brillantes como Patiño ou o Marqués da Ensenada (home ilustrado, perspicaz e intelixente), posibilitou a construción destas instalación navais. As obras deron lugar, nun comezo, á aparición do barrio de Esteiro (onde se asentaron os obreiros) e, máis tarde, ao deseño e construción do barrio da Magdalena como espazo residencial que foi ocupado por funcionarios, militares e comerciantes e que hoxe está declarado Conxunto Histórico-Artístico. A Magdalena introduce un novo modelo urbano, descoñecido en Galicia, que se sitúa, polo seu deseño regular e ordenado, na tradición das cidades novas de orixe militar.

A poboación pasa de 1.000 habitantes no ano 1752 a 20.000 no 1787. Ferrol convértese, deste xeito, na máis moderna das antigas cidades de Galicia. Conta, durante moitos anos, coa base naval máis importante de España e unha das mellores de Europa. É unha cidade pensada e construída para o servizo do Estado, protexida de ataques inimigos por terra (cun recinto amurallado do que se conservan o baluarte do Infante -hoxe sede do Arquivo Militar do Noroeste-, o baluarte de San Xoán e unha troneira do baluarte de Canido) e por mar (pódense visitar a porta de Fontelonga e o castelo de San Felipe que protexe a entrada da ría). A importancia das instalacións navais fai que sufra ao longo do tempo varios intentos de conquista. O máis importante é o que realizaron, no ano 1800, as tropas inglesas que desembarcaron na praia de Doniños coa intención de tomar a praza, aínda que foron rexeitadas nos Altos de Brión.

As vicisitudes históricas de Ferrol son de carácter político, igual que a súa elección como base naval. A debilidade do Estado, ou da súa política naval, séntense aquí máis que noutras partes, porque afectan ao estado de progreso da cidade e provocan intermitentes descensos de poboación. Aínda que hoxe se viven momentos de cambios e axustes, Ferrol afronta o futuro con empeño e vontade para vencer os problemas e coa ilusión dun futuro de prosperidade e de progreso. A capacidade para competir con mestría no complexo sector da moderna construción naval, a nosa competencia profesional e a alta cualificación profesional permitiranlles aos nosos estaleiros seguir construíndo os navíos mellor dotados de avances tecnolóxicos a nivel mundial e garantir o emprego as vindeiras xeracións.

Ferrol, capital do mar e filla da Ilustración, é unha cidade aberta, solidaria, e sempre defensora da liberdade e da dignidade do mundo do traballo. Paga a pena gozar do seu extraordinario patrimonio arquitectónico e industrial, da súa gastronomía e da beleza dos seus espazos naturais. É unha cidade chamada a reforzar, co seu impulso, a grande transformación e modernización de Galicia o que permitirá unha notable mellora do benestar social e da calidade de vida da cidadanía ferrolá e que poida recuperar, coa vontade e constancia de todos, o lugar que por tradición e historia lle corresponde.

 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar