O alcalde, Ángel Mato, abriu onte o primeiro dos encontros que servirán para integrar as necesidades dos diferentes colectivos nun documento que aproveitará as propostas elaboradas polas tres anteriores corporacións municipais. O concelleiro Julián Reina agradeceu a participación de, entre outros, entidades veciñais, colectivos empresariais, centros educativos, Universidade, Defensa, asociacións de diversidade funcional, taxistas, Porto e grupos políticos.

A MESA POLA MOBILIDADE FIXA O MARCO DE TRABALLO PARA PODER LEVAR A PLENO O PLAN DE XUÑO

Ferrol, 27 de febreiro de 2021.- A Mesa pola Mobilidade do Concello de Ferrol celebrou onte a primeira reunión de traballo para a elaboración do Plan de Mobilidade. Foi un encontro ao que a maior parte dos asistentes se sumaron de xeito telemático, mentres que os técnicos municipais acompañaron ao edil da área, Julián Reina, dende o Concello. En total, foron preto de 50 os participantes nunha xuntanza que abriu o alcalde, Ángel Mato. O rexedor destacou a elevada resposta á convocatoria e agradeceulles a todos a súa implicación nun proxecto de gran importancia para Ferrol. Trátase dunha actuación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

Logo de que nos últimos meses Reina xa lles avanzara aos grupos políticos a intención de iniciar a redacción do primeiro Plan de Mobilidade de Ferrol, e de que a técnica responsable de realizar o traballo explicara en comisión informativa as liñas de actuación, onte materializouse unha das iniciativas que o edil consideraba imprescindibles para que o proxecto acade os obxectivosd perseguidos: abrir a Mesa pola Mobilidade a todos os colectivos e entidades que poidan enriquecer o resultado final. Así, responderon á convocatoria representantes de asociacións veciñais, do empresariado, Porto, Universidade, Defensa, centros educativos, asociacións de diversidade funcional, taxistas, comerciantes e todos os grupos políticos con representación na corporación municipal.

Dous grupos de traballo
O encontro serviu para resumir o que vai ser o punto de partida, baseado nas liñas xa abertas en anos anteriores, pero, sobre todo, para fixar un plan de traballo participativo que vai xirar arredor de dous grupos diferenciados. Por unha banda, un foro amplo, a propia Mesa pola Mobilidade, no que se van achegar propostas, e por outro, un equipo máis reducido, de carácter técnico, que será o encargado de consideralas, integralas e despois dar conta á mesa sobre as solucións adoptadas. Ademais, a responsable de dirixir os traballos xa puido atender diversas cuestións que os participantes lle foron trasladando. Julián Reina destacou dela que se trata dunha profesional que participou en varios dos proxectos precedentes que se iniciaron en Ferrol neste eido.

“Imos aproveitar o traballo feito polas tres anteriores corporacións, dende que o comezara o actual alcalde na súa etapa como concelleiro de Urbanismo”, asegurou Reina, que insistiu en que os gobernos locais precendentes fixeron propostas e avances en canto á mobilidade e, tamén por “unha cuestión de respecto”, é o momento de “integrar nun só plan” ese corpus.

O concelleiro agradeceu a “gran resposta” por parte de todos os axentes que onte quixeron involucrarse no desenvolvemento do plan e insistiu en que a súa intención é telo listo no primeiro semestre do ano, para poder sometelo ao pleno da corporación na sesión de xuño. Cumprir ese prazo e conseguir que o documento “cubra perfectamente as necesidades que ten a cidade” vai supoñer “un traballo intenso”, recoñeceu. Para elo, o seguinte paso vaise dar este mesmo luns, día 1 de marzo, cando se lles enviará a todos os colectivos representados na Mesa pola Mobilidade unha comunicación para que definan o seu grado de implicación no proxecto e a orientación das súas propostas.