Ángel Mato asegurou que o novo espazo público constitúe “un paso importante cara unha cidade mellor” e para as persoas.

A PRAZA DE ARMAS QUEDOU ABERTA CUN SINXELO ACTO NO QUE O ALCALDE LEMBROU ÁS VÍTIMAS DA EPIDEMIA E DEU AS GRAZAS AOS FERROLÁNS POLO SEU EXEMPLO DURANTE OS CASE DOUS MESES DE CONFINAMENTO

Ferrol, 13 de maio de 2020.- A praza de Armas quedou aberta ao público hoxe cun pequeno acto que se iniciou ás oito da tarde, coincidindo cos aplausos cos que a diario a cidadanía recoñece o labor dos sanitarios que loitan en primeira liña contra o coronavirus. Durante a sinxela cerimonia, á que asistiu parte da corporación municipal, o alcalde, Ángel Mato, asegurou que o novo espazo público constitúe “un paso importante no camiño cara unha cidade mellor, cara unha cidade para as persoas” e valorou o feito de que é o froito do traballo de dúas corporacións municipais. “O esforzo compartido sempre acada mellores resultados”, afirmou Mato.

O rexedor lamentou que a situación actual obrigue a aprazar a inauguración oficial de Armas “como merece”, aínda que a partir de hoxe a praza recupere xa “o seu lugar como centro da vida de Ferrol”. Pero, sobre todo, quixo aproveitar para lembrar aos milleiros de vítimas que deixan “estas negras semanas” e darlles as grazas a aqueles “que se empregaron a fondo na enorme tarefa de coidar de todos e manter en funcionamento as actividades esenciais”, ao tempo que destacou a “paciencia, resignación e gran sacrificio” da inmensa maioría da veciñanza e lle rogou que siga respectando as medidas de seguridade para superar a pandemia.

“Grazas, concidadáns, persoal sanitario, forzas de seguridade, traballadores da loxística e da distribución, voluntarios, empregados de servizos… Grazas, Ferrol”, dixo para rematar a súa intervención. A continuación, acompañados por técnicos municipais, os edís fixeron un percorrido pola praza, durante o que se detiveron en varios detalles, coma a inscrición que lembra o lugar no que se atopaba o obelisco dedicado a Churruca ou as que lembran os nomes e datas de nacemento e defunción de cinco destacados persoeiros responsables da planificación e construción do Ferrol da Ilustración: Julián Sánchez Bort, Joseph Petit de la Croix, Cosme Álvarez de los Ríos, Francisco Llobet e Jorge Juan y Santacilia. Estes gravados percorren as lousas que conforman a nova beirarrúa entre a superficie de terra e a rúa Real.

A remodelación da praza de Armas é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.