Foi aprobado este mércores en Xunta de Goberno Local extraordinaria e publicarase na Plataforma de Contratación do Sector Público. O importe de licitación son 1,7 millón de euros, cofinanciable cos Fondos Edusi, e seis meses de execución para obra nuclear para revitalizar A Magdalena e mudar a cidade.

O GOBERNO DE FERROL INICIA A CONTRATACIÓN DA REFORMA DA PRAZA DE ARMAS

Ferrol, 14 de novembro de 2018.- O Goberno de Ferrol ven de aprobar este mércores 14, en Xunta de Goberno local extraordinaria, os pregos que rexerán a contratación das obras do proxecto básico e de execución redactado polo arquitecto don Carlos Pita Abad en novembro de 2017 e aprobado pola Xunta de Goberno Local o 27 de agosto do 2018.

Así o anunciaban este mediodía, minutos despois de celebrar a XGL o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e a concelleira de Urbanismo e Vivenda, María Fernández Lemos, nun paso adiante e decisivo dun proxecto que definiron como “vital para a cidade”, e polo que agardando desde o ano 2008 para revitalizar, e darlle un pulo definitivo ao barrio da Magdalena coa recuperación dun espazo central para o desfrute colectivo no camiño a unha cidade aberta, verde e accesible.

Imos mudar a faciana da cidade cun proxecto ilusionante, froito dun concurso aberto e que foi un referente a nivel de Estado con medio cento de proxectos presentados e que penso, vai a ser unha peza clave para o avance cara unha urbe mais habitable e sostible’”, manifestou o rexedor, que públicamente agradecía o esforzo feito nestas últimas semanas polos funcionarios de Urbanismo e Intervención e os ligados a Edusi para “implicación, adicación e esforzo para lograr sacar adiante este proxecto con moitas horas de traballo”.

A obra sae a licitación cun procedemento aberto e simplificado, con pluralidade de criterios, por un importe de 1.727.880 € (co 21% de IVE incluido), imputable en dúas anualidades: 863.940,00, neste ano e 863.940,00, no 2019.

O anuncio de licitación será publicado no Perfil do Contratante do Concello de Ferrol, aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público para a recepción das ofertas nos tempos definidos pola normativa –lei 9/2017 de Contratos do Sector Público- e conforme ao establecido nos propios pregos aprobados hoxe en XGL.

Esta intervención para remodelar o corazón do barrio da Magdalena e convertilo no gran salón de actos da cidade é unha actuación urbanística enmarcada na EDUSI “Ría de Ferrol. Cidade 2020”, confinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER 2014-2020 Plurirrrexional de España (que engloba o  Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020).

Traballamos coa vontade de que, unha vez aberto o prazo de presentación de ofertas poida estar adxudicado no prazo de mes e medio e iniciar a obra a primeros do 2019 cun prazo de execución de seis meses, estimados polo redactos do proxecto desde a sinatura”, avanzaba Suárez. “Agardo que no inicio do próximo ano poidamos ver o comezo desta obra da que estamos convencidos de que vai a ser unha referencia e peza clave de Ferrol no futuro, pese a todos os obstáculos que tivemos no camiño administrativo e a actitude, un tanto dilatadora, da DX de Patrimonio da Xunta”, engadía o primeiro edil.

Pese a todo, -incidía Suárez- a remodelación de Armas sae adiante coa evidencia de que é un proxecto dun arquitecto de prestixio, cun proxecto beneficioso para a cidade e, finalmente, non tiveron mais remedio qeu apoiar a idea para reformar un espazo céntrico e nuclear de Ferrol”.

Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, María Fernández Lemos, facía fincapé no impacto positivo da intervención xa que “en pouco tempo, -dicía- imos recuperar un espazo para todos os ferroláns que era moi necesario modificar. “As obras son necesarias, son complicadas e causan molestias a veciñanza pero, ao termo, son beneficiosas para o conxunto da poboación e o obxectivo é a mellora da nosa cidade”, salientaba Lemos.

Logo da publicación na Plataforma de Contratos do Estado, ábrese un prazo para a presentación de ofertas a que seguirá a Mesa de Contratación para a valoración das ofertas e proposta de adxudicación da que resulte mellor valorada conforme aos criterios técnicos para adxudicar o contrato e iniciar a intervención.