A demolición e urbanización da contorna da peixería obra de Ucha conta cun orzamento de 880.880, 57 euros. Os traballos comezarán nas próximas semanas

A XUNTA DE GOBERNO LOCAL APROBA A ADXUDICACIÓN DO DERRIBO DA NAVE PROVISIONAL DO MERCADO DA MAGDALENA

Luns, 24 de abril de 2023. A Xunta de Goberno Local celebrada a última hora da mañá do luns aprobou a proposta de adxudicación das obras para a demolición da nave provisional do mercado municipal da Magdalena e mellora do espazo urbano da contorna, así como a rexeneración urbana dentro do ámbito do Paseo do Túnel Costa de Mella-Mercado de Ucha. Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “RÍA DE FERROL, CIDADE 2020”. O ámbito de actuación ocupa máis de 6.000 metros cadrados.

O inicio do derribo da infraestrutura, que se levantou con carácter provisional, producirase nas próximas semanas. A intervención adxudicouse por 880.880,57 euros (con impostos) e inclúe tamén o derribo da cuberta que a une cos locais anexos á Costa de Mella. Nestes instalarase unha nova cuberta en zinc máis integrada no entorno e pintarase a fachada de cor branca. Tamén se renovará o pavimento de todo o espazo público que quedará libre tras o derribo na contorna da peixaría, obra de estilo ecléctico de 1910 do arquitecto Rodolfo Ucha, e do Mercado da Magdalena, e colocarase novo mobiliario urbano, como bancos, papeleiras, fontes e luminarias.

Construiranse novas escaleiras de unión entre os mercados e a rúa da Igrexa, viario actualmente en proceso de reurbanización, e colocaranse varandas como protección do desnivel entre a zona dos mercados e a rúa Irmandiños. Respecto ao espazo libre a modo de praza que se obterá tras a demolición da nave, destinarase á estancia e recreo de peóns, contará con xogos infantís, unha zona verde e nela poderán habilitaranse terrazas.